EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Rematadas todas as obras de mantemento da rede de centros de ensino público de Educación Infantil e Primaria de Santiago

30/08/2016 O concelleiro de Educación e Cidadanía deu conta hoxe das obras realizadas durante os meses de verán na rede de centros de ensino público de Educación Infantil e Primaria de Santiago. Manuel Dios incidiu en que "por primeira vez en anos, estes traballos están rematados antes do inicio do curso escolar, aínda non finalizado o mes de agosto". O Concello investiu case 150.000 euros nestes arranxos, que chegaron a un total de 19 colexios e escolas infantís e que foran acordados previamente cos seus directores e directoras.

O concelleiro de Educación salientou que o seu departamento executou obras en escolas infantís xestionadas polo Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, nas tres escolas infantís xestionadas polo Concello, na escola rural Bispo Teodomiro, que se repintou completamente tanto exteriores como interior; e nunha ducia de centros de educación infantil e primaria. Entre as actuacións realizadas, Manuel Dios salientou a reparación xeral do tellado da escola infantil de Fontiñas, á que se destinaron 34.519,75 euros; a dotación de lavabos nas aulas de infantil do CEIP Casas Novoa, que custou 12.797,94 euros; o arranxo do colector de saneamento de saída do Apóstolo Santiago, por un importe de 8.255,45 euros; o acondicionamento de aulas no Lamas de Abade, por 6.684 euros; ou as obras de reparación de fendas, pintado, e cerramento do espazo do conserxe do Rodríguez Xixirei, por 14.547 euros.

Actuación estrutural no colexio de Fontiñas
Manuel Dios explicou que, de xeito simultáneo ás obras responsabilidade do Concello, a Consellería de Educación está a executar obras nalgúns colexios de Compostela, como o López Ferreiro. O concelleiro asegurou que as dúas administracións están en permanente contacto e coordinación para abordar estes traballos.

Nesta liña, Dios sinalou que esta mesma mañá mantivo unha conversa telefónica co xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, para interesarse polo proxecto para a construción dunha pasarela de acceso ao colexio de Fontiñas e dunha nova planta na que acondicionar un comedor. Na conversa, o representante da Consellería de Educación mantivo o seu compromiso de acometer esta obra, e acordou visitar o colexio acompañado polo concelleiro despois da campaña electoral. Manuel Dios lembrou que esta é "unha actuación estrutural que é competencia da Xunta, e o Concello limitarase a colaborar na medida das súas posibilidades".

400.000 euros máis para os centros educativos
O concelleiro de Educación tamén se referiu á aprobación, en Xunta de Goberno, dunha nova partida para obras de mantemento en centros escolares. Manuel Dios explicou que esa achega de 400.000 euros forma parte dos 520.000 habilitados polo Goberno para os servizos de conservación, reparación e reforma en edificios do Concello de Santiago, e investiranse ao longo de todo o curso escolar nas actuacións que se consideren necesarias, de acordo coas direccións dos centros.

Prazas nas escolas infantís
Á marxe das obras nos centros escolares, Manuel Dios aclarou hoxe os datos relativos á matrícula nas escolas infantís municipais. O concelleiro de Educación lembrou que as nais e pais adoitan inscribir aos seus fillos en varios centros, para asegurarse ter praza nalgún deles. Por iso, nenos e nenas que teñen praza nunha escola infantil, figuran na lista de agarda doutra.

O edil aclarou que, unha vez depuradas estas duplicidades, o número de nenos e nenas que non conseguiron praza nunha escola infantil pública sitúase nos 140, cando aínda non rematou o proceso de adxudicación das prazas. Aínda así, Manuel Dios sinala que "en Santiago fan falta máis prazas en escolas infantís, porque segue habendo un déficit estrutural". O edil aproveitou para lembrar a próxima construción dunha escola infantil no Castiñeiriño, grazas a un acordo coa Fundación Amancio Ortega, e para reivindicar novamente a construción dunha escola infantil en Santa Marta.

Documentos relacionados



Compartir: