XUNTA DE GOBERNO

O Concello ampliará a senda peonil das Brañas de Sar grazas ao obradoiro de emprego "Ecotur Xuvenil II"

26/08/2016 A Xunta de Goberno aprobou hoxe a aceptación da subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria para o desenvolvemento do obradoiro de emprego Ecotur Xuvenil II. A axuda ascende a 131.651,48 euros, e o Concello cofinanciará o proxecto con 50.000 euros.

O alcalde explicou que este obradoiro permitirá "darlle continuidade ao traballo que se realizou nas Brañas de Sar grazas á primeira edición do Ecotur". Desta vez, acondicionaranse a senda peonil no tramo dende o parque Eugenio Granell ata Novo Milenio.

No obradoiro de Emprego Ecotur Xuvenil II participarán 15 alumnos/as traballadores/as, oito deles na especialidade formativa de Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, e sete na especialidade de Colocación de pedra natural. A actividade está dirixida a persoas desempregadas menores de 30 anos, que recibirán formación teórica e práctica.

Actividades nos centros socioculturais
A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe as actividades e os prezos públicos das actividades que se van desenvolver na rede de centros socioculturais do 1 de setembro ao 31 de decembro. O programa conta cun orzamento de 30.000 euros, e prevese un ingreso de 12.838 euros polos prezos dalgunhas das actividades.

Como é habitual, a programación da rede de centros socioculturais inclúe actividades relacionadas coa cultura e as artes, a saúde e a participación social. Así, haberá obradoiros de teatro, baile galego ou pintura; clases de ioga, pilates ou activación da memoria; ou clubs de lectura e xadrez.

O alcalde incidiu en que a aprobación deste programa "garante o normal funcionamento dos centros socioculturais ata que se resolva a nova licitación". Martiño Noriega incidiu en que o Goberno "quere solucionar a situación da rede coas máximas garantías, porque estamos ante un servizo no que se rexistraron moitas irregularidades que lle supuxeron ao Concello sentenzas en contra e o obrigaron a pagar miles de euros".

Outros acordos
O Goberno local tamén deu hoxe conta da adxudicación das actuacións da Rede Cultural 2016 da Deputación da Coruña. Trátase de actuacións de danza, maxia, teatro, monicreques ou música, cun custo total de 26.250 euros. A Deputación financia o 30% dos espectáculos, 7.875 euros; e o Concello o 70%, 18.375 euros.

Por último, a Xunta de Goberno deu conta da sinatura dos convenios de colaboración con varias entidades deportivas. O Santiago Futsal e o Obradoiro CAB recibirán unha achega de 65.000 euros, mentres que o Club Arteal Tenis de Mesa, o Club Triatlón Santiago e o Club Ciclista Compostelán percibirán 12.000, a mesma cantidade que a Agrupación Deportiva El Correo Gallego, para a celebración da 39ª edición da Carreira Pedestre Popular.

Documentos relacionados



Compartir: