DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

O mercadiño de Salgueiriños celebra a segunda xornada de "Efecto Proximidade" con contacontos e música

24/08/2016 Este xoves 25 de agosto terá lugar a segunda xornada de Efecto Proximidade no mercado de Salgueiriños. Esta proposta enmárcase na axenda do Concello para promover o desenvolvemento económico e social dos mercados de Compostela e pretende conxugar elementos lúdicos, artísticos, formativos e gastronómicos coa creación de dinámicas de desenvolvemento do mercado de Salgueiriños tendo en conta aos actores e axentes locais.

A programación específica deste xoves inclúe a actuación de Os Brigadiers ás 11:00 e ás 12:30 horas. Se alguén ten experiencia na rúa, eses son estes músicos, froito da fusión de dúas brass bands con anos de experiencia a St James Street Band e A Magnifique Bande dos Homes sen Medo. A outra proposta artística da xornada é o Menú de contos de Charlo Pita, con sesións ás 11:30 e ás 13:00 horas).

Ademais destas dúas actuacións, tal como na primeira xornada do 18 de agosto, a Carpa Activa será o espazo central onde acontecerá a programación lúdica de Efecto Proximidade, cumprindo ademais as funcións de punto de información, promoción e encontro. Na carpa atópanse actividades diversas de dinamización social, divulgación, e xogo.

LaboreAndo: Acción permanente cunha mestura de exposición, demostracións e intercambio de coñecemento de diferentes labores: ganchillo, calceta, bordado, costura… aberta a todas aquelas persoas que queiran participar. No propio mercado pódense atopar os materiais necesarios para a elaboración dos mesmos. A partir desta experiencia de fluxo de coñecementos desenvolverase unha instalación laneira na última xornada de verán. As participantes nestas quedadas deseñaran pequenas pezas co obxectivo de penduralas ao longo dos postos do mercadiño.

ConSumo Gusto: Durante todas as xornadas de Efecto Proximidade poderase pasar polo posto de elaboración e degustación gratuíta de zumes e batidos de froitas e verduras de tempada. Oportunidade para coñecer a nova liña de oferta comercial do mercado de Salgueiriños, os postos de venda de produtos alimentarios que están a sumarse ao espazo da feira.

Troca de xoguetes: Tamén se poderán trocar os xoguetes que non se usen. Unha aposta por achegar aos máis novos a idea da reutilización e intercambio de obxectos en desuso para nós, pero que poden ser novidade para outras persoas.

Espazo asociativo: A Carpa Activa servirá tamén como lugar de encontro e visibilización do tecido asociativo da contorna e da cidade.

Direccións relacionadas



Compartir: