IGUALDADE

O Concello lanza unha guía de linguaxe non sexista nas actuacións administrativas

24/08/2016 A concelleira de Igualdade, Marta Lois, e a psicóloga responsable do Centro de Información á Muller, Dolores Lajos, presentaron unha campaña de promoción da linguaxe non sexista posta en marcha polo Concello e destinada ao seu persoal. O material principal é unha guía que reflicte unha serie de recomendacións sobre a linguaxe non discriminatoria e non sexista, coa finalidade de utilizala nas actuacións administrativas, así como nas publicacións, anuncios e escritos.

Esta guía será remitida a todos o funcionariado do Concello de Santiago. Xunto á mesma, entregarase unha alfombriña para o rato do ordenador, cun resumo do contido da guía, coa finalidade de facilitar a todos e todas o uso da mesma e para que teñan unha ferramenta a man que lles faga máis doada a implementación desta linguaxe non sexista. Repartiranse unhas 1.000 alfrombriñas.

O obxectivo destes materiais é que sirvan de ferramentas facilitadoras da aplicación efectiva do principio de igualdade na xestión da política municipal, contribuíndo a eliminar as situacións de discriminación que inciden sobre as mulleres. Neste sentido, un dos cometidos da Concellaría de Igualdade é promover a integración da perspectiva de xénero en todos os procesos que teñan a súa orixe no Concello.

Barreiras invisibles
Marta Lois incidiu en que "a linguaxe non é neutra, é o produto dunha sociedade, reflicte os modos de pensar e ten unha repercusión na percepción que teñen as persoas da realidade que as envolve". Así, recordou, "tradicionalmente empréganse palabras masculinas para facer referencia a colectivos nos que están presentes tanto mulleres coma homes".

Para a concelleira, "esta formulación contribúe a minimizar a presenza das mulleres nos distintos ámbitos laborais e sociais", razón pola que "calquera uso dun idioma que invisibiliza as mulleres debe ser evitado en favor de formas non sexistas de expresión". Neste sentido, insistiu en referirse aos "vestixios machistas que cómpre afastar", que falan historicamente dunha "sociedade patriarcal" na que "as mulleres non están representadas en todos os seus ámbitos".

No ámbito concreto da Administración, "seguir empregando unha linguaxe sexista e discriminatoria para o colectivo feminino supón a fixación de barreiras invisibles que afectan directamente ao proceso de participación das mulleres na sociedade actual", explicou. Fronte a isto, dixo, debe apostarse por unha linguaxe inclusiva e pola aplicación do principio de non discriminación en todos os ámbitos nos que esta se manifesta.

Compartir: