ALCALDÍA

Martiño Noriega reúnese coa conselleira de Medio Rural para coordinar actuacións en relación ao incendio de Fecha

23/08/2016 O alcalde reuníuse hoxe coa conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, co obxectivo de coordinar actuacións en relación ao grave incendio rexistrado nas parroquias compostelás de San Xoán e Santa Cristina de Fecha. Martiño Noriega e a conselleira xa mantiveran un primeiro contacto a semana pasada, no que a responsable de Medio Rural adiantou a súa vontade de reunirse tamén cos representantes veciñais e cos afectados.

A conselleira de Medio Rural deulle conta ao alcalde do decreto no que está traballando o seu departamento, no que se fixarán as axudas aos afectados polos incendios. Ángeles Vázquez amosou a súa vontade de que ese decreto estea aprobado ao longo do mes de setembro, e adiantou que nel figurarán axudas directas e créditos para repoboar o monte queimado. Tamén se establecerán medidas para axudar á limpeza das zonas queimadas que non se poden repoboar, e que supoñen un perigo no caso de que chova.

O alcalde lembrou que o incendio de San Xoán e Santa Cristina de Fecha afectoulle a máis de 800 hectáreas, das que 735 eran de monte arborado, fundamentalmente de pequenos propietarios. Por iso, Martiño Noriega amosou o seu desexo de que "estas persoas reciban axudas, porque teñen o seu patrimonio familiar afectado polo lume". Na reunión, o rexedor comprometeuse a elaborar un informe detallado sobre a zona afectada polo lume, e sobre os propietarios dos terreos queimados.

Compartir: