TURISMO

O Concello aposta polo turismo familiar con Pokésan, mapa de poképaradas e ximnasios de Santiago de Compostela

23/08/2016 A concelleira de Turismo, Marta Lois, presentou Pokésan, novo proxecto de Turismo de Santiago dirixido a fomentar o turismo familiar na cidade aproveitando as posibilidades que abre Pokémon Go, un fenómeno de masas global cunha gran penetración entre rapaces e rapazas de entre 13 e 17 anos. A concelleira estivo acompañada polo responsable do desenvolvemento informático de Pokésan, Camilo Ameijeiras.

En Pokémon Go existen dous tipos de localizacións xeográficas fundamentais para xogar: as poképaradas e os ximnasios. As poképaradas, onde se conseguen diferentes elementos do xogo necesarios para capturar Pokémons ou evolucionais. As poképaradas atópanse en puntos da cidade que acostuman coincidir con monumentos, edificios históricos ou "curiosidades"; por exemplo, en Santiago hai poképaradas na estatuas das Marías na Alameda, no CGAC, en diferentes facultades, no Casco Histórico, en parques…

Os ximnasios son os lugares onde se enfrontan os adestradores Pokémon. Os ximnasios atópanse habitualmente nos lugares máis recoñecidos dunha cidade. Por exemplo, en Santiago o máis popular atópase na Catedral, pero tamén hai na estatua de Montero Ríos, na praza de Mazarelos.

As ubicacións das poképaradas e dos ximnasios non están visibles en ningún lugar. Só se poden descubrir cando o xogador ou a xogadora de Pokémon se achega co seu teléfono a unha distancia non moi grande, en función do dispositivo que teña. E para poder interactuar con estes puntos hai que estar aínda máis preto.

Pokésan ofrece información precisa de localización xeográfica dos puntos da cidade onde se atopan as poképaradas e os ximnasios, de tal xeito que as persoas afeccionadas a Pokémon Go que visiten a cidade poidan saber xa a onde teñen que dirixirse para poder conseguir novos Pokémons.

Pokésan xeolocaliza sobre un mapa de Santiago as 176 poképaradas e os 18 ximnasios que hai na cidade. O mapa emprega Google Maps, permitindo realizar opcións como zoom, modo satélite ou mapa, ou como chegar dende a posición inicial do usuario. Pokésan nace con dúas versións, unha para web, coa estética e funcións da web de Turismo de Santiago; e outra para dispositivos móbiles, máis centrada na ubicación do usuario. O enlace da web é: santiagoturismo.com/pokesan.

O obxectivo de Turismo de Santiago con Pokésan é motivar ás persoas afeccionadas a Pokémon Go a que visiten Santiago, especialmente en familia, e poidan aproveitar para facer turismo na cidade ao tempo que xogan. Ademais a ferramenta incentiva a percorrer múltiples lugares da cidade seguindo o mapa de poképaradas e ximnasios.

Compartir: