EDUCACIÓN E CIDADANÍA

A Xunta de Goberno aproba os prezos dos servizos de comedor e de madrugadores

22/08/2016 A Xunta de Goberno aprobou hoxe os prezos públicos dos servizos de comedor e de madrugadores na Rede de Centros Públicos de Educación Infantil e Primaria, para o curso 2016-2017. O prezo que deberán pagar os usuarios polo xantar queda fixado en 4,50 euros, IVE engadido, mentres que o do almorzo será de 1,93 euros, tamén con IVE engadido.

O alcalde explicou que esas cantidades son "o resultado da vontade do Goberno municipal de minorar os prezos", polo que o Concello fará unha achega de 59.009,63 euros ao servizo de comedores, que se engaden aos 53.400 euros aportados pola Xunta de Galicia a través do convenio asinado coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. O prezo ofertado por Serunión, a empresa adxudicataria do servizo, era de 5,30 euros por xantar, IVE incluído. Ademais da minoración do prezo posible grazas ás achegas do Concello e da Xunta, o Concello mantén bolsas de comedor das que se beneficia unha terceira parte dos usuarios.

Melloras no servizo
A Xunta de Goberno tamén deu conta das melloras ofrecidas pola empresa Serunión para o servizo de comedores, que pasan pola posta en marcha dun sistema de control de presenza a través de tablets e smartphones; e da utilización de vaixela de vidro temperado e barquetas de aceiro para o transporte da comida dende a cociña central ata os comedores escolares. O investimento que realizará a empresa para iso será de 10.112,58 euros.

Outra das melloras ofertadas pola empresa ten que ver coa implementación dun programa de formación complementario do persoal adscrito ao servizo, tanto os monitores e monitoras como os responsables da coordinación dos comedores. O programa impartirase ao longo do curso escolar 2016-2017, cun total de 100 horas de duración.

Compartir: