BENESTAR ANIMAL

O Concello instala sinais para advertir aos condutores da presenza de colonias felinas

22/08/2016 A Concellaría de Benestar Animal vén de instalar uns sinais para pedirlles precaución aos condutores en zonas nas que é frecuente o paso de animais, máis en concreto de gatos e de parrulos. Estes novos elementos foron colocados en puntos da cidade nos que existen colonias felinas, e tamén no contorno do Auditorio de Galicia.

Dous dos sinais, co lema "Déixaos pasar" e coa imaxe dun gato, foron instalados en cadansúa entrada da avenida de Fernando Casas Novoa, no barrio de San Lázaro. Tamén se instalou unha sinal idéntica en Outeiro de Sar. Neses dous puntos existen colonias felinas, nas que traballan tanto persoas individuais como colectivos animalistas.

O cuarto dos sinais instalado polo Departamento de Benestar Animal localízase no contorno do Auditorio de Galicia, para alertar da presenza de parrulos que adoitan cruzar a calzada coas súas crías. Neste punto téñense rexistrados algúns incidentes, e eran moitas as voces que reclamaban medidas para protexer os animais.

Compartir: