TURISMO

Renfe e Iberia ofertan prezos especiais para asistir en Santiago ao festival WOS

22/08/2016 A concelleira de Turismo, Marta Lois, e a responsable de comunicación do WOS Festival, Ánxela Baltar, presentaron no Pazo de Raxoi os prezos especiais que ofertan Renfe e Iberia para as persoas que asistan ao evento, que se celebrará en Santiago do 7 ao 11 de setembro. Turismo de Santiago colaborou coa organización do WOS na consecución destes descontos.

Iberia ofrece un 10% de desconto para voar ao WOS. Para conseguilo, unha vez seleccionada a tarifa de ida e volta na web de Iberia, hai que entrar no apartado "Teño un código promocional" e incluír o código de desconto WOSFESTIVAL. O desconto é aplicable a viaxes dende 5 días antes ata 5 días despois das datas de celebración do evento. Válido para voos operados por Iberia, Iberia Express e Iberia Regional Air Nostrum.

O desconto en Renfe é do 30% tanto en AVE como en longa distancia. No caso da compra presencial, hai que descargar un documento dispoñible na web do festival e presentalo impreso en calquera punto de venda Renfe. O desconto tamén se pode conseguir comprando o billete por Internet na web de Renfe. O desconto é válido para viaxes de ida e volta do 5 ao 13 de setembro.


WOS é un festival urbano que se celebra en 11 das localizacións turísticas e culturais máis importantes de Santiago de Compostela. Cun programa estruturado en torno á música, que se converte nunha ruta turística, arquitectónica e artística pola cidade, WOS ofrece unha mostra da cultura contemporánea, tanto de produción local como internacional, en ámbitos como as artes escénicas, o cine ou a gastronomía, ademais dun espazo para encontros entre profesionais da industria cultural. Este ano, na súa terceira edición, o festival amplía a súa oferta cultural a 5 días de programación, do 7 ao 11 de setembro.

A solidez da súa proposta atraeu a preto de 3.000 participantes á edición do ano pasado (75% asistentes de fora da cidade, dos cales o 20% de fora de Galicia), ademais de contar con 150 artistas, e máis de 30 medios acreditados. Con patrocinadores e colaboradores como SON Estrella Galicia, Jägermeister, Ticketscript, Renfe e Iberia na beira privada, e AGADIC, Deputación da Coruña, Concello de Santiago ou CEM (Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura) no lado público, WOS persegue posicionarse indiscutiblemente coma un festival de referencia a nivel europeo.

Na súa selección para esta edición de preto de 50 actividades, con propostas musicais, escénicas, cinematográficas e actividades orientadas ao público do festival e a profesionais da industria cultural, WOS mantén a súa vontade de ofrecer un programa da máis alta calidade, invitar ao descubrimento de propostas culturais e proporcionar experiencias únicas.

Direccións relacionadas



Compartir: