ESPAZOS CIDADÁNS E MOBILIDADE

O Concello pídelle a Fomento a redacción dun proxecto máis completo para a humanización da rotonda de Conxo

12/08/2016 O concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, deu conta esta mañá do proxecto remitido a finais do mes de xullo polo Ministerio de Fomento para a reurbanización e humanización da rotonda de Conxo.

Jorge Duarte quixo agradecerlle ao Ministerio o cumprimento do seu compromiso de ter enviado un proxecto para a humanización da rotonda antes do remate do mes de xullo. O concelleiro de Espazos Cidadáns entende que "o proxecto responde en esencia ás necesidades do barrio, posto que se cumpren as cuestións fundamentais, como son tapar o oco que queda na rotonda despois das obras do túnel".

Duarte lembrou que ese oco existente non estaba contemplado no proxecto orixinal do túnel de Conxo e que foi incorporado no modificado levado a cabo despois do parón de máis de seis meses acontecido a finais de 2014.

En todo caso, o concelleiro explicou que, un día despois de ter recibido a comunicación de Fomento, remitíuselle unha resposta ao Ministerio para solucionar aspectos cos que o Concello non se sinte satisfeito. Así, no escrito de resposta remitido polo Concello pídeselle a Fomento a redacción dun proxecto máis completo para coñecer os pormenores da reurbanización e humanización da zona.

Accesibilidade
Duarte entende que na documentación remitida por Fomento non se responde a cuestións clave como a accesibilidade, os acabados das obras ou as beirarrúas, que deben ser prioritarias para darlle máis peso ao tráfico peonil e solucionar a comunicación entre as diferentes zonas do barrio. De feito, o concelleiro explicou que, cara a priorizar os peóns, xa se diminuíu o diámetro da rotonda e o ancho dos carrís para conseguir máis espazo peonil.

Jorge Duarte explicou ademais que xa se puxo en contacto coa asociación veciñal e de comerciantes do barrio para informalos do proxecto de Fomento e da resposta do Concello. O proxecto para a reurbanización e humanización da rotonda de Conxo en superficie terá un importe próximo aos 250.000 euros e "existe o compromiso do Ministerio de executalo coa máxima dilixencia".

Compartir: