FESTAS

As festas do Apóstolo remataron a ritmo de hip hop e de sons galego-cubanos

31/07/2016 A última xornada das festas do Apóstolo estivo protagonizada pola música, e hóuboa ademais para todos os gustos. E para rematar a edición deste ano, os tradicionais fogos artificiais de fin de festa.

O concerto central do día, na praza da Quintana, correspondeu a Roi Casal, enmarcado na rede cultural da Deputación da Coruña. O músico, que iniciou a súa carreira en solitario en 2009 despois de 10 anos vinculado a Milladoiro, presentou en Compostela o seu disco Son galego, son cubano. Nel, Roi Casal emprega as letras do escritor Xosé Neira Vilas.

Ben distinto é o estilo musical do que puideron gozar os que se achegaron a Vite. Alí celebrouse o Serán de Hip Hop 2016, con nada menos que dez actuacións. Polo escenario pasaron Ninjah Monkeys (o dúo formado por Erin e Dj Mil), ElSoed, Rendi Nue, Alba G, Olímpicos, Pablo Tr3s, Introspectores, Peter Rock, Gata Cattana e Suite Soprano.

A axenda musical desta ultima xornada completouse coa actuación en Praterías da Banda de Música da Sociedade Recreativa San Xoán de Calo e, tras os fogos, coa velada na Alameda da orquestra Tamarindos.

Compartir: