XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba convenios de colaboración con entidades deportivas por máis de 120.000 euros

29/07/2016 A Xunta de Goberno aprobou hoxe a sinatura de varios convenios de colaboración con entidades deportivas, ás que o Concello achegará un total de máis de 120.000 euros.

O acordo de maior contía é o que será asinado co Santiago Futsal, que supón unha achega municipal de 65.000 euros. O Club Arteal Tenis de Mesa recibirá 12.000, a mesma cantidade coa que o Concello colaborará coa Agrupación Deportiva El Correo Gallego para o desenvolvemento da 39ª edición da Carreira Pedestre Popular de Santiago.

A Xunta de Goberno de hoxe tamén aprobou o convenio de colaboración coa Federación Galega de Atletismo para o desenvolvemento e coorganización do V Circuíto de Carreiras Saúdables, CorreSan. O acordo prevé un orzamento de 62.350 euros para a realización de cinco probas, a primeira delas este mesmo sábado en Angrois. O Concello achegará 29.100 euros, e a federación Galega de Atletismo os 33.250 euros restantes.

Estación de Berdía
Á marxe dos convenios de colaboración, a Xunta de Goberno deu conta hoxe da sentenza do Tribunal Supremo que obriga ao Concello a pagarlle a ADIF o importe do arrendamento do antigo edificio de viaxeiros da estación de Berdía. O alcalde explicou que o Concello e ADIF asinaran un convenio de cesión no ano 2004, pero o Goberno municipal nunca chegou a pagar o arrendamento. ADIF recorreu á xustiza, que agora obriga ao pagamento de 31.731,89 euros, e dita o remate da cesión de uso do inmoble por mor destes impagos.

Martiño Noriega relatou que o Concello deberá negociar de novo con ADIF se quere utilizar estes espazos, "que serían moi útiles se logramos recuperar o proxecto da Vía Verde entre Santiago e Cerceda, que permitiría utilizar as vías do ferrocarril abandonadas".

Documentos relacionados



Compartir: