FESTAS

O "Serán Hip Hop" porá este domingo o broche de ouro ás festas do Apóstolo

29/07/2016 A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou esta mañá o Serán Hip Hop acompañada dalgunhas das persoas que promoven esta actividade dentro das festas do Apóstolo 2016.

A concelleira de Acción Cultural destacou que "esta actividade continúa a apostar pola descentralización dos festexos aproveitando un barrio, o de Vite, onde hai moita tradición de hip hop". A cita será este domingo 31 de xullo no Parque Fermín Bouza Rei de Vite a partir das 18:00 horas. Haberá actuacións de Suite Soprano, Gata Cattana, Erin & DJ Mil, El Soed, Rendi Nue, Naro, Lírica Licorca, Alba G, Tr3s e Introspectores.

"Este evento é un escaparate para o traballo que estes mozos e mozas levan tempo desenvolvendo na nosa cidade e permite que recuperemos ese espazo para ampliar a diversidade musical en Compostela", engadiu Branca Novoneyra.

Unha das participantes, Clara Hernández, quixo destacar "a aposta que o Concello fai polos grupos locais e o feito de que se intente representar no maior número de lugares de Santiago". Pola súa banda, outro dos participantes, Rubén Varela, engadiu que un dos aspectos máis positivos é "a transformación dun evento que se desenvolveu por primeira vez no 2005 como un proxecto cativo que se recuperou con moita potencia o ano pasado".

O barrio de Vite é ademais un espazo emblemático, por ser no que máis tradición de hip hop hai en Compostela, un espazo ao que se lle quere devolver esa paixón por este tipo de música cun amplísimo cartaz de actuacións.

Compartir: