FESTAS

Nik West e Mambo Jambo no Apóstolo 2016

28/07/2016 As festas do Apóstolo entran na súa recta final, pero mañá aínda vivirán unha das noites máis agardadas da programación, co concerto de Nik West e Mambo Jambo na praza da Quintana. Será partir das dez da noite, con entrada libre.

Nik West é unha cantante, baixista e compositora nacida en Phoenix, no estado estounidense de Arizona. Malia á súa xuventude, conta cunha longa traxectoria na que colaborou con artistas tan recoñecidos como Prince ou Dave Stewart, e recibiu as loubanzas doutros grandes nomes da música como Steven Tyler ou Lenny Kravitz.

Todos falan dela como unha artista do século XXI, cunha potente voz, cun gran dominio do baixo e cunha impresionante posta en escena. Nik West chega a Compostela pouco despois de ter presentado o seu segundo e esperado disco, Say Somethin’. Os seus temas inspíranse nos sons do rock vintage de Lenny Kravitz, o funk de Prince e a complexidade de Steven Tyler.

Polo escenario da Quintana tamén pasarán esta noite os Mambo Jambo, un cuarteto instrumental que naceu en 2009 en Barcelona. Preséntanse como os creadores do "son jambofónico", unha mestura de rock, rythm&blues, surf e swing, interpretada desde unha perspectiva contemporánea. Mambo Jambo ten publicados dous discos, e está a punto de presentar o terceiro. A crítica destaca deles o seu enérxico directo, e súa conexión co público en cada concerto.

Direccións relacionadas



Compartir: