POLÍTICAS SOCIAIS E EDUCACIÓN

Constituída a mesa institucional para o seguimento do programa "Caixaproinfancia" no barrio das Fontiñas

28/07/2016 A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, e o concelleiro de Educación, Manuel Dios, participaron na constitución da mesa que fará seguimento do programa Caixaproinfancia, resultado dun convenio de colaboración entre a Fundación La Caixa, Xunta e Concello o pasado mes de outubro.

Trátase de desenvolver unha proposta de servizos conxunta que permita responder ás necesidades dos e das menores e das súas familias e optimizar os recursos económicos públicos e privados que se dotan para estes efectos. Tamén se quere impulsar o traballo en rede, como mellor resposta organizativa para o desenvolvemento deste proxecto, aproveitando os recursos públicos e privados existentes no territorio.

Está dirixido a 50 familias con menores de entre 0 e 18 anos, elixíndose o barrio das Fontiñas, unha zona da cidade que conta con situacións de especial vulnerabilidade social que require, xa non só unha atención puntual senón u plan global que incida de forma integral na transformación e mellora da realidade da infancia e das súas familias.

Obxectivos
O obxectivo desta proposta pasa por dinamizar no barrio das Fontiñas unha mesa de traballo multisectorial que permita o traballo colaborativo en rede e unha actuación coa infancia e as súas familias en situación de pobreza. Para iso compartiranse ferramentas de traballo e achegaranse recursos.

A mesa institucional constituída hoxe debe funcionar como un espazo de toma de decisións concretas, deberá reunirse con periodicidade trimestral ou semestral e establecerá os criterios de selección das familias. A maiores, a mesa institucional velará pola racionalidade na aplicación das prestacións, axudas e servizos, analizará as necesidades das familias seleccionadas para participar no programa e fará seguimento e control da mesa técnica.

Pola súa banda, a mesa técnica concíbese coma un espazo destinado ao traballo directo coas familias e, con ese obxectivo, manterá reunións semanais, quincenais e/ou mensuais.

Promoción socioeducativa
Un dos grandes obxectivos que se marca este programa é garantir a promoción socioeducativa dos e das menores, entendendo que desta vai depender o seu benestar futuro. Haberá, polo tanto, cinco grandes liñas de traballo que se deberán abordar: reforzo educativo, educación non formal e tempo libre, apoio educativo familiar, atención e terapia psicosocial e promoción da saúde.

La Caixa destina 225.000 euros a esta iniciativa (75.000 euros/ano), un orzamento que será canalizado a través das entidades sociais da cidade que participen do proxecto. Os representantes das tres entidades fixeron fincapé na importancia de colaborar na achega de esforzos e recursos arredor da infancia, en especial, daqueles nenos e nenas en situacións máis vulnerables.

Compartir: