FESTAS

As festas do Apóstolo volven enxalzar o traxe galego dedicándolle unha xornada

28/07/2016 O próximo sábado, 30 de xullo, será o Día do Traxe Galego nas festas do Apóstolo. Un ano máis, a celebración será posible grazas á colaboración entre o Concello, a Asociación do Traxe Galego e El Corte Inglés, patrocinador da xornada. A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra; a presidenta da Asociación do Traxe Galego, Pilar Astray; e o xefe de operacións de El Corte Inglés, Ángel Quijada, presentaron hoxe en rolda de prensa os detalles do evento.

O XXXVII Día do Traxe Galego comezará ás 11:30 horas co tradicional desfile dende a Alameda ata a praza do Obradoiro, pasando por Porta Faxeira, praza do Toural, rúa do Vilar e Praterías. Para participar non é preciso inscribirse, só presentarse no paseo central da Alameda cuns minutos de antelación. Ao remate do desfile, os participantes que o desexen asistirán ás doce do mediodía á misa na Catedral de Santiago, onde realizarán a Ofrenda ao Apóstolo. Despois, ao redor das 13:30 horas, haberá unha recepción de honra no Pazo de Raxoi.

Xa pola tarde, ás 16:00 horas, os participantes no Certame do Traxe concentraranse en San Domingos de Bonaval. Ás 19:30 comezará o desfile dos concursantes, dos membros da Asociación do Traxe Galego e de todo aquel que desexe participar. O percorrido previsto é a rúa de Bonaval, Casas Reais, Cervantes, Preguntoiro, Conga, rúa Nova, rúa do Vilar, Praterías, Conga e praza da Quintana. Alí, aproximadamente ás 20:00 horas, comezará a exhibición de traxes e a entrega de premios do certame. No mesmo acto, entregaranse os galardóns anuais da Asociación do Traxe galego ás persoas ou institucións que se teñan destacado polo seu labor na promoción e difusión do traxe tradicional galego. A xornada pecharase coa interpretación do Himno Galego.

Unha participación que vai a máis
A presidenta da Asociación do Traxe Galego asegurou que o Día do Traxe Galego logra reunir cada ano a máis participantes, "e en 2015 superáronse todos os récords, tanto no desfile como no concurso". Pilar Astray fixo un chamamento a toda a veciñanza de Compostela para que saia á rúa cos seus traxes e pediu a colaboración de asociacións culturais e escolas de música e baile para que cedan os seus fondos a aqueles que desexen participar nos desfiles.

Pola súa banda, a concelleira de Acción Cultural agradeceu á Asociación do Traxe Galego o seu traballo "non só nesta xornada de enxalzamento, senón ao longo de todo o ano, con outras iniciativas como os Premios de Investigación Antón Fraguas, que contribúen a poñer en valor as nosas indumentarias tradicionais". Branca Novoneyra tamén quixo lembrar as figuras de Manuel Beiras e Xosé Luís Míguez, "que foron os que tiveron a idea de celebrar este Día do Traxe, a finais dos anos 70".

Por último, o representante de El Corte Inglés mostrou a súa satisfacción "porque como uns composteláns máis queremos estar presentes nas festas do Apóstolo, e máis no ano no que celebramos o noso 75 aniversario". Ángel Quijada comprometeuse a manter o apoio ao Día do Traxe e seguilo patrocinando en vindeiras edicións.

Direcciones relacionadas



Compartir: