FESTAS

A cultura africana chega ás festas do Apóstolo da man do coro Saint Luc Banabakintu

28/07/2016 A praza da Quintana acolleu este mediodía unha actuación do coro Saint Luc Banabakintu, incorporada á programación das festas do Apóstolo da man da Concellaría de Políticas Sociais. A titular deste departamento, Concha Fernández, e a responsable de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentaron a actuación nunha rolda de prensa na que tamén participaron o director do coro, chegado de Costa do Marfil, e o presidente da ONG Égueire, Desiré Kouakou Tanoh.

O coro Saint Luc Banabakintú foi creado en 1974 na capital de Costa do Marfil, Abidján, e alí canta habitualmente nunha pequena parroquia. Del forman parte 64 persoas, de entre 20 e 77 anos. Na actuación de hoxe participaron aproximadamente a metade.

A formación ten actuado anteriormente en Galicia, fundamentalmente no marco da Festa de Solidariedade África-Galicia, que organiza a ONG Égueire. O seu presidente leva dez anos vivindo na nosa comunidade, e como cura estivo destinado primeiro en Mazaricos e agora en Cee. Desiré Kouakou Tanoh explicou que o seu obxectivo é achegar a realidade de África a Galicia, e amosar que "ademais de guerras, fame e miseria, temos unha cultura, música, bailes, cores…". O responsable de Égueire salientou a importancia de que o coro Saint Luc Banabakintú poida actuar en Compostela, "que é o centro do mundo, o lugar ao que peregrinan persoas de todos os continentes, e onde poderán comprobar o pouco que coñecen de África".

O director do coro explicou que o concerto de Saint Luc Banabakintú está concibido como "unha rápida viaxe por todos os recunchos de África, para amosar os seus bailes, as súas músicas, os seus traxes e as súas emocións, máis alá de Costa do Marfil".

A concelleira de Acción Cultural explicou que o Concello puxo os medios técnicos a disposición do coro porque "este concerto é fiel á filosofía que procuramos neste Apóstolo, para termos unhas festas abertas, diversas e solidarias". Na mesma liña, a responsable de Políticas Sociais apostou porque a programación das festas "contribúa a fomentar a interculturalidade, que é precisa se queremos ter un mundo máis xusto". Concha Fernández explicou que a ONG Égueire e o coro Saint Luc Banabakintu traballan dende o convencemento de que "pequenos proxectos de carácter social, económico ou educativo pode supor grandes cambios para a poboación de Costa do Marfil".

Compartir: