FESTAS

Molotov Jukebox e Banda Crebinsky fixeron bailar ao publico da Quintana

27/07/2016 As festas do Apóstolo viviron este mércores unha das súas xornadas máis musicais. O concerto máis importante do día foi o que ofreceron na praza da Quintana Molotov Jukebox e Banda Crebinsky.

Molotov Jukebox é unha banda londinense liderada pola tamén actriz Natalia Tena, coñecida por interpretar a Osha na exitosa serie Xogo de Tronos. O grupo caracterízase por unha fusión de estilos, que ten como obxectivo que o público non deixe de bailar. Nos seus dous discos (Carnival Flower e Tropical Gypsy) mesturan sea pop, reggae, swing, jazz ou rock, sempre con temas dunha grande intensidade e cunha grande aposta polo directo, como puido comprobar o público da Quintana.

Xunto a Molotov Jukebox, ao escenario da Quintana subiuse a Banda Crebinsky, unha pequena orquestra popular xurdida do universo imaxinario que foi a película Os Crebinsky). O grupo, formado por oito músicos de longa traxectoria, naceu para encargarse da banda sonora dese filme. Nos temas utilizados, baixo a dirección do bielorruso Yukhnevich Vadim e por Pablo Pérez, fusionaron estilos como o folk, o klezmer, o jazz, o rock e a música clásica, con letras en galego, ruso, castelán, francés ou italiano. A partir de aí, Os Crebinsky seguiron evolucionando, sen perder de vista a mestura de culturas e idiomas.

Música a pé de rúa
A axenda musical deste mércores nas festas do Apóstolo arrancou moito antes desas actuacións, cos concertos da proposta Música a pé de rúa, que tomaron diferentes espazos públicos da cidade, como a praza Roxa, o parque de Ramírez ou a rúa Carreira do Conde. Participaron os grupos Mojo Experience, Jugones, Adelnile's, Hellorice, The Candidates e Ivy Moon.

Compartir: