ESPAZOS CIDADÁNS E ACCIÓN CULTURAL

Seleccionados os cinco proxectos "residentes" para o Matadoiro Compostela

27/07/2016 Xa están seleccionadas as cinco propostas de dinamización do Matadoiro Compostela, dentro da convocatoria aberta á que se presentaron 25 proxectos. O obxectivo é que se de desenvolvan nos meses de setembro e outubro, antes de que se convoque o concurso de arquitectura que definirá as melloras que precisa a antiga Casa da Xuventude.

Os proxectos seleccionados foron un Recuncho Maker, proposto pola comunidade Vermislab; un Refuxio, de Kokedama Colectivo; un Laboratorio aberto de fotografía, impulsado por Iván Barreiro; un Grupo Gráfico e un Espazo sen adultos.

O Recuncho Maker da comunidade Vermislab é un espazo para albergar unha comunidade de coñecemento aberto, no que persoas de todas as idades poidan aprender, compartir e ensinar nos eidos da tecnoloxía, a artesanía, o deseño, a gastronomía ou a arte. A proposta ten a súa propia web, www.recunchomaker.org.

Kokedama Colectivo impulsará no Matadoiro Compostela o seu Refuxio, no que lle dar acubillo ao traballo que leva desenvolvendo desde primeiros de ano desde a Facultade de Ciencias da Educación, a raíz dun proxecto sobre o tratamento de espazos. O seu obxectivo é reflexionar e investigar sobre a arte e a educación, e deseñar propostas innovadoras aproveitando a potencialidade dos espazos como axentes educadores e como aglutinadores de identidades colectivas. O primeiro paso para iso é humanizalos, e iso é o que Kokedama Colectivo pretende facer na antiga Casa da Xuventude.

O terceiro proxecto "residente" do Matadoiro Compostela será un Laboratorio aberto de fotografía, proposto por Iván Barreiro. O obxectivo é crear un punto de encontro entre fotógrafos, e crear sinerxias coa Escola Mestre Mateo. Tamén se vai desenvolver un cuarto proxecto denominado Grupo Gráfico, que pretende implicar a artistas de diferentes campos como a fotografía, o deseño, a ilustración ou o vídeo, coa idea de desenvolver a identidade visual propia do edificio e crear un manual para unificar as diferentes propostas de difusión doutros colectivos.

Por último, a quinta proposta seleccionada é un Espazo sen adultos, que reúne dous proxectos distintos. Por unha parte, Diego Meizoso impulsou a iniciativa "Estes Nen@s son da Casa. Esta Casa é dos Nen@s", con obradoiros para que os máis novos teñan voz e articulen a que pode ser a súa casa do futuro. Doutra banda, Sara Donoso propuxo un proxecto para dar a coñecer as posibilidades didácticas da arte mural, a través dun obradoiro cunha parte teórica e outra práctica.

Toda a información sobre estes proxectos pódese consultar na web www.matadoirocompostela.com.

Compartir: