ALCALDÍA

Santiago de Compostela e Padrón reafirman os seus fortes vencellos

27/07/2016 As festas do Apóstolo tiveron este mércores unha das súas citas máis tradicionais, o Día de Padrón, celebración que tamén se mantén á inversa –na honra de Santiago- na Pascua da vila veciña. Como cada ano, foi o momento de renovar a colaboración e de estreitar os lazos entre os dous municipios.

A Corporación compostelá recibiu a súa homónima padronesa na praza do Obradoiro para dirixirse á Casa do Concello. Alí, Martiño Noriega reafirmou os vencellos entre as dúas vilas, apreciables en "múltiples caras", como a propia vinculación de Padrón co Apóstolo e coas orixes da cidade, no eido socioeconómico e a través de figuras compartidas como Rosalía de Castro ou Camilo José Cela.

O alcalde insistiu nos lazos de irmandade entre Santiago e Padrón e na necesidade de seguir o "camiño compartido" entre as dúas vilas. Así o referendou tamén o rexedor padronés, Antonio Fernández Angueira, que agradeceu a hospitalidade da Corporación compostelá, á que emprazou xa ao Día de Santiago en Padrón.

Despois dos discursos, as dúas Corporacións saíron aos balcóns de Raxoi para escoitar as interpretacións das bandas municipais de música das dúas vilas. Ambas pecharon a súa actuación co himno galego.

Compartir: