FESTAS

Molotov Jukebox e Banda Crebinsky, na axenda do Apóstolo para este mércores

26/07/2016 As festas do Apóstolo vivirán este mércores unha das súas xornadas máis musicais. O concerto máis importante da xornada será o que ofrezan na praza da Quintana, a partir das 21:30, Molotov Jukebox e Banda Crebinsky.

Molotov Jukebox é unha banda londinense liderada pola tamén actriz Natalia Tena, coñecida por interpretar a Osha na exitosa serie Xogo de Tronos. O grupo caracterízase por unha fusión de estilos, que ten como obxectivo que o público non deixe de bailar. Nos seus dous discos (Carnival Flower e Tropical Gypsy) mesturan sea pop, reggae, swing, jazz ou rock, sempre con temas dunha grande intensidade e cunha grande aposta polo directo.

Xunto a Molotov Jukebox, ao escenario da Quintana subirase mañá a Banda Crebinsky, unha pequena orquestra popular xurdida do universo imaxinario que foi a película Os Crebinsky). O grupo, formado por oito músicos de longa traxectoria, naceu para encargarse da banda sonora dese filme. Nos temas utilizados, baixo a dirección do bielorruso Yukhnevich Vadim e por Pablo Pérez, fusionaron estilos como o folk, o klezmer, o jazz, o rock e a música clásica, con letras en galego, ruso, castelán, francés ou italiano. A partir de aí, Os Crebinsky seguiron evolucionando, sen perder de vista a mestura de culturas e idiomas.

Concertos a pé de rúa
A axenda musical de mañá nas festas do Apóstolo arrancará moito antes desas actuacións, cos Concertos a pé de rúa, que tomarán diferentes espazos públicos da cidade dende as sete da tarde. A esa hora, a praza Roxa acollerá o concerto de Mojo Experience; ás 19:20 horas será a quenda de Jugones no Parque de Ramírez, ao carón da República Arxentina; e ás 19:40 horas poderemos escoitar a Adelnile´s Garden na rúa de Carreira do Conde. A axenda continuará con Hellorice ás 20:00 na praza Roxa, e ás 20:20 horas con The Candidates, novamente no Parque de Ramírez. O último concerto será o de Ivy Moon na rúa de Carreira do Conde.

Día de Padrón en Santiago
As festas do Apóstolo vivirán mañá outra cita tradicional, coa celebración do Día de Padrón en Santiago. Como se vén facendo cada ano, a Corporación compostelá recibirá á padronesa na praza do Obradoiro, para manter logo unha recepción no Pazo de Raxoi. Os concelleiros e concelleiras das dúas vilas sairán aos balcóns para escoitar as actuacións das dúas bandas municipais de música, que pecharán a actuación interpretando o Himno Galego. Será a partir da unha da tarde.

Direcciones relacionadas



Compartir: