FACENDA

Os Orzamentos participativos seguen o seu curso cunha asemblea aberta para identificar necesidades e facer propostas

26/07/2016 Este xoves 28, a partir das 19:30 horas, o Centro Sociocultural e Xuvenil Municpial do Ensanche (rúa Frei Rosendo Salvado, 14-16) acollerá a primeira asemblea aberta dos Orzamentos Participativos. O obxectivo deste encontro é detectar, identificar e poñer en común necesidades de cara a facer propostas de investimentos para o conxunto do municipio de Santiago de Compostela.

Tras as primeiras reunións do grupo motor, conformado maioritariamente por persoas representantes do tecido asociativo e veciñal e onde foron aprobados os puntos básicos do regulamento que guía o proceso, ábrese a segunda fase dos Orzamentos Participativos, que contempla o debate e a recollida de propostas de investimentos.

Na asemblea solventaranse dúbidas e tratarán de orientarse as ideas de propostas para que o seu formulamento sexa o máis preciso posible. A cidadanía que acuda terá á súa disposición un formulario onde describir as súas ideas de investimentos, que poderá entregar no momento ou máis adiante ao equipo técnico e verá recollidas na web decide.santiagodecompostela.gal.

Precisamente, esta plataforma dixital está a recoller no apartado de Propostas iniciativas que pode facer calquera persoa maior de 16 anos que se rexistre co seu DNI.

Malia que estes meses de verán son de menos actividade, o Goberno local fai un chamamento á participación da cidadanía, posto que é preciso decidir as propostas que se levarán a cabo en outubro, antes da aprobación do Orzamento municipal.

Que se escolle cos OP?
A cidadanía de Santiago de Compostela ten por primeira vez a oportunidade de propoñer e decidir onde investir 1,1 millóns de euros, o que suporía —calculado sobre o importe do Orzamento de 2016,— un total de 11,40 euros por habitante e aproximadamente o 15% do capítulo de investimentos reais, que neste exercicio ascende a 6,7 millóns de euros.

O compromiso do Goberno de Santiago é asumir de maneira vinculante os resultados do proceso e incluílos no Orzamento total municipal, que deberá aprobar o pleno.

As propostas que se vaian facendo irán sendo estudadas por persoal técnico do Concello, que valorará se son viables, isto é, son de competencia municipal, son investimentos, non contraveñen ningunha lei e non superan por si soas o orzamento dispoñible.

Compartir: