FACENDA

O Goberno local destinará máis de dous millóns de euros a investimentos financeiramente sostibles

26/07/2016 A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, presentou esta mañá os proxectos que o Concello de Santiago desenvolverá durante este 2016 con cargo a remanentes do exercicio do 2015. Estes proxectos ascenden a un total de 2.190.400,98 euros e deben cumprir os seguintes requisitos: deben ser investimentos financeiramente sostibles (que teñan unha vida útil superior a 5 anos) e ser executados antes do 31 de decembro de 2016.

María Rozas explicou que, "tendo en conta estes requisitos, o Goberno local optou por incorporar con cargo a remanentes de tesourería, aquelas demandas das asociacións de veciños que foron trasladadas ao Concello durante as máis de 30 xuntanzas mantidas no último ano". Ademais, tamén se incorporan como proxectos aquelas peticións formuladas pola oposición durante o período de negociación de orzamentos e que non se puideron engadir ao documento orzamentario.

A concelleira de Economía e Facenda reunirase esta tarde coas asociacións veciñais, xunto cos concelleiros de Medio Rural e de Espazos Cidadáns, Rafael Peña e Jorge Duarte, para explicarlles polo miúdo todos estes proxectos.

Casa das Máquinas
Entre os proxectos que se desenvolverán con cargo a remanentes destaca a Fase I da rehabilitación da Casa das Máquinas, un edificio "que leva moitos anos en moi mal estado e cuxo arranxo reclama a veciñanza de Galeras". A primeira fase deste proxecto está orzamentada en 100.000 euros dun total do proxecto de 375.000 euros.

Tamén se acometerá o acondicionamento do baixo municipal (edificio de Emuvissa) para abrir a Casa das Mulleres, un proxecto que o Goberno local tiña incorporado no proxecto de orzamentos e que desbotou "despois do proceso de negociación dos mesmos", tal e como lembrou a concelleira de Economía e Facenda. Para este proxecto destinaranse 158.510 euros.

Mellora de viarios
A maior contía dentro dos investimentos financeiramente sostibles con cargo a remanentes destacan os proxectos de rexeneración de pavimentos de calzada e outras actuacións de mellora en diversos viarios no ámbito urbano e periurbano. Isto permitirá mellorar o estado de diversas rúas da cidade, para o que se destinará un total de 600.000 euros.

Tamén se realizará a reparación da avenida de Coímbra, cun importe de 60.434,24 euros e a primeira fase da reurbanización da rúa Cancelas, demanda histórica dos veciños e veciñas do barrio, que suporá un investimento de 95.890 euros dunha obra orzamentada en 192.000 euros.

Melloras en instalacións deportivas
O Concello destinará un total de 231.430 euros a mellora das instalacións deportivas da cidade. Dedicaranse 12.000 euros ao proxecto de acondicionamento de acesos e de accesibilidade ao campo de fútbol e ao pavillón de Santa Isabel. Ademais, inclúese un proxecto de obras para a reforma da cuberta do campo de fútbol das Cancelas valorado en 2.404,72 euros.

Investiranse tamén 7.000 euros na realización de obras de acondicionamento exterior do campo de fútbol de Belvís en todo o relacionado con accesos e mantemento. Destinaranse 110.000 euros á mellora do ximnasio do Polideportivo de Fontiñas e 45.600 ao acondicionamento da pista de parqué dos polideportivos do Restollal e de Vite.

Rural e centros socioculturais
Con cargo aos remanentes de tesourería acometeranse melloras nos vieiros Reboredo-Enfesta e Reboredo-Lavacolla, cun investimento de 31.617,38 e 243.770 euros, respectivamente. Finalmente, remataranse os accesos ao núcleo San Paio Sabugueira por 9.995,88 euros.

Con cargo a remanentes destinaranse tamén 172.000 euros á mellora e acondicionamento dos centros socioculturais de Verdía, o antigo colexio Ramón Cabanillas, Trisca e Marantes.

Ademais, a concelleira de Economía e Facenda anunciou que o Concello destinará 1.646.911,95 euros a amortización anticipada de débeda para aliviar a carga financeira cara ao próximo exercicio.

Compartir: