CONSORCIO

O Consorcio saca a concurso a reparación do tellado da igrexa de San Agustín

23/07/2016 O Consorcio de Santiago acaba de sacar a concurso a obra de reparación do tellado da igrexa de San Agustín, por un importe global de 83.747,61 euros. O prazo de execución desta actuación estímase en tres meses. As empresas interesadas teñen ata o 17 de agosto para presentar as súas ofertas.

Tal como indica o arquitecto do Consorcio responsable deste proxecto, Pablo Tomé, "aínda que o estado do tellado en xeral é bo, unha vista máis detallada do mesmo fainos apreciar diferentes problemas da tella en diversas partes da cuberta, o mal estado do chumbo que reviste o remate da torre sur, ademais do mal estado de dúas limas de ferro (canle de chapa que se fai no encontro de dous planos con tellas) da nave principal".

O arquitecto sinala que hai dúas razóns fundamentais para levar a cabo esta obra con certa urxencia. Por un lado, salienta o risco de caída de tellas á rúa, co consecuente perigo para os viandantes. E, polo outro, lembra a recente caída dunha parte do revestimento do chumbo do remate da torre sur.

Intervencións propostas
Entre as intervencións que se van realizar para solventar os problemas que presenta a cuberta da igrexa de San Agustín está a recolocación da tella, levantada en diferentes partes do amplo tellado, substituíndo as pezas que se atopen en mal estado. Ademais, recolocaranse as pranchas de fibrocemento sobre as que se asenta o mesmo, xa que están lixeiramente desprazadas en varios puntos. Tamén se restaurará o remate da torre sur co levantado do chumbo que a reviste, ao tempo que se renovarán dúas limas de ferro. E a estrutura metálica da cuberta limparase e logo pintarase con pintura antióxido.

Tal como informan dende a Oficina Técnica do Consorcio de Santiago, para levar a cabo estas obras instalaranse estadas nas fachadas da Praza de Abastos, na rúa da Virxe da Cerca e no tellado do cruceiro da igrexa.

Primeiras reformas en 1917
As obras de construción da actual igrexa comezaron no ano 1633, apadriñadas polo Conde de Altamira, de acordo coa comunidade agostiña. O novo templo viña a completar o recinto conventual da orde, que se comezara a construír en 1618.

En 1916, o cardeal J. M. Martín de Herrera concedeulles aos xesuítas "o uso perpetuo e independente" da igrexa de San Agustín. A principios de 1917, o Concello concédelles licencia de edificación para rasgar dous ocos de luz na fachada do templo. O 8 de abril dese ano bendiciuse a nova igrexa e celebrouse a primeira misa. O arquitecto xesuíta Pedro Basterra fixo os planos desta reforma e supervisou as obras. O coro reduciuse á metade; suprimíronse as tribunas que había sobre as capelas, que quedaron con libre comunicación entre si, o cal estaba antes impedido polos seus altares e, en lugar dunha escaleira de madeira que había para subir ao coro, fíxose outra de cemento ao outro lado e abríronse os ventanais actuais no muro de mediodía.

Compartir: