FESTAS

A Romaría Cativa e Charles Bradley, protagonistas deste sábado no Apóstolo

23/07/2016 O público máis familiar foi o protagonista de boa parte da xornada do sábado das festas do Apóstolo, grazas á segunda edición da Romaría Cativa. Logo, pola noite, Charles Bradley encheu do mellor soul a praza da Quintana.

O parque de Bonaval foi escenario dunha nova edición da Romaría Cativa, que xuntou a centos de persoas dende o mediodía. A esa hora actuou Xandobela e un obradoiro de circo con Teatro dos Ghazafelhos. Tamén se habilitou un espazo de xogo libre. Despois foi a vez dun espectáculo de circo con Javi Javichi e, ao seu remate concerto de Pablo Díaz e a Banda do Tic-Tac.

Despois do tempo de xantar, no propio parque, reabríronse os espazos de xogo e Javi Javichi repetiu actuación. Ademais, o cantante Xoán Curiel presentou o seu traballo Estamos no verán, e celebrouse un obradoiro de músicas para o peto.

A programación da Romaría Cativa completouse cun espectáculo de maxia con Martín Camiña e cun concerto das brasileiras As Fadas Magrinhas.

Charles Bradley
Unha das citas musicais máis esperadas da programación do Apóstolo era o concerto de Charles Bradley & His Extraordinaires na praza da Quintana. O artista vén de publicar o seu terceiro disco, Changes. O seu primeiro traballo viu a luz en 2011, cando o artista tiña 62 anos, e despois de ter pasado máis de catro décadas traballando como imitador de James Brown. A día de hoxe, está considerado o mellor embaixador do soul.

Compartir: