CONVIVENCIA

Os nenos e nenas dos campamentos de verán promovidos polo Concello aprenden educación viaria en Compostela

22/07/2016 Os nenos e nenas que participan nos campamentos de verán promovidos polo Concello participaron en divertidos flashmobs e instrutivas sesións de educación viaria, nas que aprenderon as normas e as recomendacións á hora de circular, tanto en vehículo como a pé. Realizouse a actividade dentro do marco temático de cada campamento, tratando outros temas relevantes, como a igualdade.

Foron algo máis de 100 nenos e nenas de entre 4 a 12 anos os que tomaron parte nestes talleres, que contaron coa colaboración da Policía Local e da mascota de seguridade viaria, Moito Olliño. As sesións celebráronse nos centros socioculturais de Nemenzo, Figueiras, A Gracia e O Ensanche. Estes últimos desprazáronse a visitar tamén as dependencias policiais.

Os nenos e nenas, acompañados dos seus monitores, escoitaron primeiro atentamente as explicacións da Policía Local, que lles deu consellos sobre as regras básicas de circulación, para que poidan ir a pé ou en vehículo con maior seguridade. Posteriormente, e por quendas, foron formulando as súas dúbidas e as súas particulares circunstancias diarias.

A xornada finalizou con todos eles realizando unha divertida coreografía con Moito Olliño, na que fixeron uso dos sinais emocionais de tráfico que eles mesmos crearan. No Centro Sociocultural da Gracia, as súas monitoras mesmo crearon un circuíto viario na pista polideportiva, onde os nenos e nenas puideron poñer en práctica, tanto en bicicleta ou patíns como exercendo de peóns, as normas viarias de xeito seguro e responsable.

Esta actividade súmase ás campañas similares de educación viaria que leva a cabo a Policía Local en todos os colexios ao longo do curso.

Direccións relacionadas



Compartir: