ALCALDÍA E ESPAZOS CIDADÁNS

Os alumnos e alumnas da sétima edición do Compostela’s Summer Program propoñen solucións para as Brañas de Sar

22/07/2016 O alcalde e o concelleiro de Espazos Cidadáns visitaron hoxe aos alumnos do curso internacional Compostela’s Summer Program, organizado pola Fundación Compostela Arquitectura. Nesta sétima edición do programa, na que colaboran a Universidade de Santiago e o Concello, os estudantes traballaron sobre o proxecto do parque das Brañas de Sar. Martiño Noriega e Jorge Duarte puideron coñecer as súas propostas, na exposición instalada no claustro de San Martiño Pinario.

O concelleiro de Espazos Cidadáns agradeceu "o traballo de reflexión sobre o espazo público de Compostela que fixeron os estudantes, que permite ver distintas alternativas, neste caso para as Brañas de Sar". Jorge Duarte lembrou que esta zona da cidade aínda ten un potencial agrario que hai que ter presente, polo que non se pode converter nun parque ao uso. O edil tamén considerou moi interesante que os alumnos do curso de arquitectura tiveran en conta nas súas propostas a zona norte que vai cara o Monte Viso, que "debería ser un referente da cidade pero que estivo moi abandonada por atoparse nun punto intermedio entre as vías do ferrocarril, a autoestrada e outros elementos".

No curso internacional Compostela’s participan 17 estudantes estranxeiros de oito países distintos: Taiwan, China, Filipinas, Perú, México, Arabia Saudí, Canadá, e USA. O programa, dirixido por Carlos Casado, contou nesta edición con conferenciantes do nivel de Álvaro Siza, Xerardo Estévez, Felipe Criado, Carlos Otero ou Pablo Gallego.

Compartir: