FESTAS

O soul de Charles Bradley chega á Quintana

22/07/2016 As festas do Apóstolo continúan mañá cunha das citas musicais máis importantes da programación: o concerto de Charles Bradley & His Extraordinaires na praza da Quintana. Será a partir das dez da noite, con entrada de balde.

Charles Bradley vén de publicar o seu terceiro disco, Changes. O seu primeiro traballo viu a luz en 2011, cando o artista tiña 62 anos, e despois de ter pasado máis de catro décadas traballando como imitador de James Brown. A día de hoxe, está considerado o mellor embaixador do soul.

Máis música
A programación musical deste sábado complétase coa sesión vermú a cargo de MrCool e Felipe Castro, na praza da Pescadería Vella a partir da unha da tarde e coa actuación do Grupo Limón na Alameda, a partir das dez e media da noite.

Ademais, o antigo colexio Ramón Cabanillas do Castiñeiriño será escenario do I Encontro Internacional en torno á cultura xamaicana e o sound system Compostela DUB 2016. Esta actividade, organizada pola Asociación Cultural MaisLume no marco do programa piloto dos orzamentos participativos na área de Mocidade, prolongarase dende as doce do mediodía ata as dúas da mañá. Haberá exposicións, obradoiros e mesmo un xantar xamaicano, todo de balde. A parte musical correrá a cargo de Carlton Sheperd e Pupa Congo, Kebra Ethiopía Sound e King Shiloh.

Romaría Cativa e outras actividades
Ademais de música, na axenda do Apóstolo para mañá figuran outras actividades. A máis importante é a Romaría Cativa, que se vai desenvolver ao longo de todo o día no Parque de Bonaval. Haberá espazos libres de xogo, obradoiros de circo, música con Pablo Díaz e Xoán Curiel, e circo con Javi Javichi.

O sábado tamén se celebrará o Gran Máster de Futbolín no Centro Sociocultural de Vite e o Torneo de Chave das Festas do Apóstolo, na Alameda.

Direcciones relacionadas



Compartir: