FESTAS

A música galega protagonizou unha nova xornada das festas do Apóstolo

21/07/2016 A xornada deste xoves nas festas do Apóstolo tivo un marcado acento galego, grazas ao concerto de grupos galegos na praza da Quintana e ao de Talabarte na praza do Toural. A esta dúas citas sumouse pola tarde outro concerto da Banda Municipal de Música na praza das Praterías.

No concerto da Quintana participaron cinco agrupacións: Caxade, unha banda de folk-pop que presentou o seu novo disco, Isto é amor; Cró!, elixido mellor grupo de rock nos premios da Asociación Galega de Músicos ao Vivo; Familia Caamagno, unha banda de rock de Sigüeiro que vén de sacar o seu terceiro disco, Para unha vez que saímos; o dúo de hip hop compostelán Malandrómeda, que despois de cinco anos de silencio discográfico editou este ano dous álbumes, e o quinteto Terbutalina, gañador do premio ao Mellor Álbum en Galego de 2014 e que agora ten traballo novo, Al otomano se le va la mano.

Case ao mesmo tempo, no Toural e enmarcado no ciclo "Artellando na noite", celebrouse o concerto de Talabarte, o trío formado por Pedro Pascual, Kin García, e Quim Farinha. Foi unha actuación especial, coa que pecharon a súa xira por Galicia e que lles serviu para presentar algúns temas do seu disco.

MrCool e Felipe Castro e novo concerto da Banda
No apartado musical, a xornada de xoves do Apóstolo completouse con outras dúas citas. A praza de Cervantes foi escenario dunha sesión vermú, dentro do programa Artellando, con MrCool e Felipe Castro. Xa pola tarde, houbo novo concerto da Banda Municipal de Música, dirixida por Casiano Mouriño. A agrupación estivo na praza das Praterías, cun programa dedicado aos bailes de salón e acompañada polos bailaríns Lucía Vázquez e Christian García.

Compartir: