PLENO

A Corporación acorda ampliar os usos dunha parcela en Conxo para executar o aparcadoiro provisional en superficie do barrio

21/07/2016 O Pleno do Concello acordou a ampliación dos usos dotacionais autorizados na reserva de equipamento deportivo no SUP-4 de Conxo co obxectivo de implementar un aparcadoiro en superficie de forma provisional mentres o Sergas non proceda a construír o que sería o centro de saúde do barrio, unha reivindicación na que coinciden todos os grupos da Corporación.

A modificación introduce, polo tanto, un uso de aparcamento en superficie que se sumaría ao deportivo, sanitario, asistencial, docente, sociocultural e administrativo. Este aparcadoiro, incluído nos orzamentos do 2016, pretende dar unha solución á veciñanza do barrio no que se refire ás prazas de aparcamento.

Este aparcadoiro en superficie "ten o carácter de equipamento ou dotación ao servizo dunha alternativa de mobilidade eficiente e sostible, que facilita o intercambio modal e minimiza o uso do transporte privado nos centros urbanos" tal e como destacou na súa intervención o concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte.

Obras no barrio de Vista Alegre
Aprobouse por unanimidade unha proposta do Partido Popular en relación ás obras de mellora da accesibilidade e mobilidade do barrio de Vista Alegre. O concelleiro de Espazos Cidadáns Jorge Duarte explicoulle, tanto á oposición como aos veciños e veciñas que acudiron ao pleno, que o motivo de retraso nas obras debeuse á necesidade de realizar varios modificados nas fases anteriores debido á mala planificación da mesma por parte do anterior Goberno.

Jorge Duarte lembrou que a terceira fase xa está aprobada e que se comezarán as obras na primeira semana de agosto, traballos que terán unha duración de 5 meses. Así mesmo, informou de que están en tramitación os modificados tanto da Fase I como da Fase II que terán un plazo de execución de 3 meses e que foi necesario acometer polos erros no proxecto aprobado en 2013. O concelleiro comprometeuse a darlle resposta ás peticións da veciñanza en relación á ampliación das prazas de aparcamento que se acometerán na rúa Santa Comba.

Accesibilidade nos parques
Aprobouse por unanimidade unha propposta do PSdG sobre a mellora da accesibilide nos parques infantís. O concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, aseguroulle aos grupos da oposición que se levará a cabo "un plan plurianual e que algunas das obras máis sinxelas cara a mellora da accesibilidade levaranse a cabo durante este ano". Ademais Duarte quixo amosar o seu compromiso coa accesibilidade, xa que "se trata dun dereito para os veciños e as veciñas do noso Concello".

Outros acordos
O Pleno da Corporación aprobou tamén o nomeamento de vogais da Comisión Asesora do Patrimonio Histórico e tomou en consideración a designación de representantes dos grupos políticos municipais no Pleno do Consello Municipal de Turismo. Así mesmo, tomouse coñecemento da Orde da Consellería de Medio Ambiente de data 17 de xuño pola que se outorgou aprobación definitiva da Modificacion puntual do PXOM no punto quilométrico 67 da estrada N-550.

Esta modificación ten por obxecto ampliar a delimitación da Ordenanza 18 na contorna da estación de servizo da Rocha. O cambio aprobárase inicialmente o 4 de marzo de 2015, sen que no período de exposición pública se fixeran alegacións.

Compartir: