ALCALDÍA

A Cociña Económica inaugura as súas renovadas instalacións

20/07/2016 O alcalde participou esta tarde na inauguración das renovadas instalacións da Cociña Económica, no edificio que ocupa na rúa Travesa. Martiño Noriega volveu lembrar o gran labor que realiza esta institución en Santiago, baixo a dirección de Sor Esther Seoane.

En palabras do alcalde, "nestes 125 anos cambiou o rol das institucións públicas, que poden destinar fondos a dignificar a vida das persoas. Pero as cifras demostran que non é suficiente, con 105.000 comidas en 2014, e que institucións como a Cociña son necesarias". Por iso, agradeceu o labor social da Igrexa e das persoas que colaboran coa Cociña, así coma o investimento dun millón de euros para "dignificar estas instalacións para os usuarios".

Aínda que o equipamento foi inaugurado hoxe, días antes de que a Cociña Económica cumpra 125 anos, non entrarán en funcionamento ata setembro. Como é habitual, no mes de agosto as comidas para as persoas sen recursos sérvense no colexio La Salle.

As obras, que comezaron en setembro de 2015, permitiron conseguir un comedor máis amplo, con 56 prazas máis. Así, haberá un comedor principal con 126 prazas, e dous auxiliares con 16 e 20 prazas. Ademais, optouse por un sistema de autoservizo, que permitirá dar máis comidas diarias.Para iso, as cociñas foron trasladadas dende a planta baixa ata a planta primeira do edificio, gañando tamén unha zona de estar na que os usuarios poderán agardar a súa quenda para comer, evitando as longas colas que se formaban a diario na Praza do Irmán Gómez.

As obras supuxeron un investimento de case un millón de euros.

Compartir: