TURISMO

O sector turístico de Santiago vivirá o seu mellor verán dende o Ano Santo 2010

19/07/2016 A concelleira de Turismo, Marta Lois, fixo no Pazo de Raxoi unha valoración dos datos turísticos da cidade do primeiro semestre e presentou as previsións que se manexan dende Turismo de Santiago para a temporada de verán e para o conxunto do ano. Marta Lois estivo acompañada da nova xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, quen perfilou os obxectivos e os grandes ámbitos de traballo da entidade de promoción turística da cidade para os vindeiros anos.

Segundo apuntou a concelleira, no primeiro semestre a cidade viviu un importante crecemento nas diferentes variables que afectan ao sector, como pernoctacións na cidade, tráfico no aeroporto ou persoas que fan o Camiño de Santiago. Ademais, os datos do primeiro semestre indican que a cidade está diante da mellor temporada de verán para o sector turístico dende o Ano Santo 2010 e que ao final do ano se poderán alcanzar varios máximos, por exemplo no aeroporto e no Camiño.

Marta Lois quixo destacar que o compromiso do Goberno municipal respecto do sector turístico da cidade vai máis alá de conseguir os mellores resultados cuantitativos posibles. O compromiso é tamén mudar o modelo turístico da cidade, avanzando cara a consolidación dun modelo sostible e de calidade, beneficioso tanto para o sector como para o conxunto da veciñanza, con novos modos de xestión nos que prime a eficacia e a transparencia no uso dos recursos públicos.

A concelleira apuntou que o nomeamento de Flavia Ramil como nova xerente de Turismo de Santiago enmárcase nese contexto de consolidación dun novo modelo turística da cidade. Marta Lois sinalou que Flavia Ramil foi nomeada logo de obter a mellor puntuación nun proceso aberto e transparente, cun tribunal composto por representantes do sector e no que non houbo presenza de representantes políticos para garantir unha valoración obxectiva das candidaturas.

Primeiro semestre
Flavia Ramil detallou os datos turísticos alcanzados na cidade no primeiro semestre e apuntou as previsións para o conxunto do ano. O aeroporto de Santiago sumou no primeiro semestre 1.159.650 pasaxeiros e pasaxeiras, cun crecemento do 16% respecto do primeiro semestre do ano pasado. A previsión para o conxunto do ano é superar os 2.450.000 pasaxeiros.

A nova xerente de Turismo de Santiago apuntou que no Camiño de Santiago se superaron por primeira vez as 100.000 Compostelas entregadas no primeiro semestre. En concreto, houbo 101.608 persoas que fixeron o Camiño, das cales o 63,6% procedían doutros países. A estimación é que se superarán os 280.000 peregrinos, superando tamén a marca do Ano Santo 2010, que fora de 272.000.

Finalmente, lembrou que entre xaneiro e maio se sumaron máis sumamos 400.000 pernoctacións na cidade, segundo os datos do INE, que aínda non publicou as cifras correspondentes a xuño. Son 15.000 máis que o ano pasado neste período e 50.000 máis que no 2014, sinal do forte crecemento que está vivindo a cidade no último par de anos. Este crecemento apoiouse no turismo internacional, que crece un 10% respecto ao ano pasado. A previsión é que no conxunto do ano poderán superarse por primeira vez nun Ano non Santo as 1.300.000 pernoctacións.

Calidade, sostibilidade e desestacionalización
Tras detallar os datos turísticos do primeiro semestre e apuntar as previsións para o conxunto do ano, Flavia Ramil explicou os obxectivos e as grandes liñas de traballo de Turismo de Santiago para os vindeiros anos, en consonancia coas liñas marcadas dende o Concello.

O obxectivo de Turismo de Santiago é consolidar un novo modelo turístico na cidade, que aposte pola calidade e a sostibilidade, pola desestacionalización da demanda, impulsando as visitas na temporada baixa que vai de novembro a marzo, e que logre incrementar a estadía media, mediante a posta en valor turística dos múltiples atractivos que ten o conxunto do Concello e fuxindo da concentración na Catedral e no seu contorno.

Segundo apuntou Flavia Ramil, hai catro grandes ámbitos de traballo para conseguir estes obxectivos. En primeiro lugar, impulsar o aeroporto de Santiago como principal porta de entrada do turismo da cidade, con tres obxectivos complementarios: aumentar a conectividade internacional directa cos principais mercados europeos, mellorar a conectividade cos mercados americanos e asiáticos a través de Madrid, e ampliar a oferta de asentos global na temporada de inverno.

En segundo lugar, incrementar as tarefas de promoción internacional de Santiago, posicionando a Santiago como un destino internacional de calidade á altura dos destinos máis recoñecidos do mundo. Para isto aumentarase a participación de Turismo de Santiago en xornadas, feiras, eventos e calquera foro internacional de interese para a cidade. Tamén se incrementará a participación en redes internacionais de carácter turístico que permitan facer unha promoción activa e constante da cidade.

En terceiro lugar, farase unha aposta polo turismo de congresos como un segmento fundamental para fomentar a desestacionalización da demanda, impulsando a celebración de calquera tipo de eventos e xornadas na cidade, especialmente nos meses de menor demanda turística na cidade, de novembro a marzo.

Finalmente, farase unha promoción de Santiago como un destino amplo e diverso, cunha gran oferta de aloxamento e con multitude de recursos turísticos e posibilidades de ocio, máis alá da visita tradicional á Catedral e aos seus arredores. O obxectivo é que as persoas que visitan a cidade teñan razóns para alongar a súa estadía na cidade, poñendo en valor turístico a diversidade de opcións que hai no conxunto de Santiago, que non se limitan só as que se ofrecen no Casco Histórico.

Compartir: