POLÍTICAS SOCIAIS

Unhas 150 familias accederán ás piscinas de Sar de forma gratuíta durante o verán

19/07/2016 A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, presentou esta mañá o Proxecto de Promoción do Acceso aos Recursos Municipais, que ten como obxectivo "favorecer o acceso a determinadas instalacións ou programas municipais cando o seu custo sexa un impedimento para determinadas familias". Isto permitiralles ademais mellorar a súa calidade de vida e que un total de 150 familias e máis de 400 persoas poidan gozar piscina de Sar durante os meses de xullo, agosto e a primeira quincena de setembro.

Durante os meses de verán facilitarase o acceso á piscina ao aire libre do Multiúsos Fontes do Sar a todas aquelas unidades familiares que participan no Programa Municipal Socieducativo do Concello.

Concha Fernández destacou "a capacidade educativa do programa, xa que permite unha inmersión destas persoas nos recursos normalizados que o Concello xestiona para toda a cidadanía". A concelleira de Políticas Sociais engadiu que "dende o Programa Socioeducativo dos Servizos Sociais Comunitarios do Concello vénse detectando que a situación de crise vivida nos últimos anos provoca que o tempo de lecer ocupe un lugar secundario nas prioridades da familias que contan cun proxecto individualizado no devandito Programa. Isto mingua as súas posibilidades de ocio, as súas relacións sociais e, en xeral, o seu desenvolvemento sociopersoal". Haberá ademais un seguimento por parte das educadoras sociais.

Proxecto Máis que fútbol
Concha Fernández presentou tamén a actividade Máis que fútbol, que se celebrará nas pistas polideportivas de Salgueiriños durante o mes de agosto e os primeiros quince días de setembro. A actividade está orientada a mozos e mozas de entre 12 e 20 anos e ten como obxectivo previr o consumo de alcohol e drogas entre a poboación máis nova. Deste xeito utilizarase o fútbol como ferramenta para acadar uns hábitos de ocio saudables e integradores.

Os rapaces e rapazas participarán nas actividades de martes a xoves en horario de 11:00 a 13:30 horas.

Compartir: