RELACIÓNS VECIÑAIS

Este venres ábrese o prazo para a solicitude de "axudas en especie" para carpas e actividades de apoio ás festas patronais

14/07/2016 O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe as bases da convocatoria de subvencións "en especie" para a instalación de carpas en eventos veciñais e para actividades en apoio das festas patronais en barrios en parroquias. A iniciativa está dirixida a todas as asociacións de veciños legalmente constituídas no Concello de Santiago, e no seu defecto ás comisións de festas. En último caso poderá acollerse á convocatoria calquera outra entidade constituída xuridicamente.

A convocatoria contempla dúas modalidades de axudas: unha para as carpas da Concellería de Relacións Veciñais, e outra para actividades do departamento de festas, da Concellería de Acción Cultural. A prioridade á hora de concedelas estará fixada pola data de presentación da solicitude, e cada entidade poderá optar a unha única subvención por ano.

O Concello destina un total de 8.000 euros ás axudas para carpas, e 28.000 ás subvencións para actividades. Neste caso, poderanse subvencionar actividades nas festas patronais como xogos populares, grupos de música tradicional, xogos inchables, circuítos de karts, ou actuacións da Banda Municipal de Música.

O prazo para a presentación de solicitudes comeza mañá e rematará o 1 de outubro de 2016, ou antes se se esgotara o crédito orzamentario establecido. Ademais, deberán presentarse, nas oficinas de Rexistro do Concello, como mínimo cun mes de antelación á data prevista para a realización do evento.

Direcciones relacionadas



Compartir: