ALCALDÍA E TURISMO

Martiño Noriega destaca o "altísimo nivel musical" de Radio Cos, Xabier Díaz e Narf, que representarán a Galicia no Womex 2016

13/07/2016 Womex, a maior feira do mundo da word music xa deu a coñecer os 33 grupos da selección oficial, que proveñen dende Xapón ata Portugal, pasando por Mauritania, Finlandia, Macedonia, Uzbekistán, Colombia, Canadá ou China, entre moitos outros países. Radio Cos é a banda galega na selección oficial; mentres que Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre e Narf & Timbila Muzimba foron seleccionados para o escenario Atlantic Connections, que acollerá as mellores propostas da Península Ibérica e América Latina. O certame, patrocinado por Concello de Santiago, Deputación da Coruña e Xunta de Galicia, terá lugar do 19 ao 23 de outubro na Cidade da Cultura e en varios espazos da zona vella de Santiago.

Hoxe presentáronse en rolda de prensa os tres grupos galegos que participarán no Womex 16. Trátase de Radio Cos, a banda de Quique Peón e Xurxo Fernandes, que foron elixidos dentro da Selección Oficial; de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre e Narf & Timbila Muzimba, a asociación do músico santiagués con este grupo mozambicano, que participarán dentro do escenario Atlantic Connections, que inclúe propostas da Península Ibérica e América Latina.

Os artistas participaron nunha presentación na praza de Praterías compostelá, na que interpretaron cadanseu tema. Tamén estaban presentes os representantes das institucións que patrocinan o evento: o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; e o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez.

Na súa intervención, o alcalde de Santiago destacou que "a nosa cidade é a máis pequena na que xamais se celebrou o Womex nos seus 22 anos de historia". "Unha cidade pequena en termos de habitantes", engadiu,"pero enorme a nivel cultural ou turístico". Martiño Noriega quixo parabenizar tamén aos artistas galegos que participarán nesta edición do Womex "polo seu altísimo nivel musical", contribuíndo a converter a Santiago "na capital, non só de Galiza, senon tamen das músicas do mundo".

Womex xa deu a coñecer os 33 grupos da selección oficial, entre os que podemos atopar unha española, a alicantina La Negra; unha portuguesa; Gisela João; e tamén latinomericanos como Edmar Castaneda Trio (Venezuela) ou Puerto Candelaria (Colombia). Esta é a terceira vez que é elixido un grupo galego (Radio Cos) na Selección Oficial, despois de Mercedes Peón (2010) e Davide Salvado (2014). Estes artistas foron seleccionados por un xurado composto por sete expertos de todo o Planeta, entre os que se atopa un galego: Vítor Belho, de Nordesía Produccións.

Radio Cos
Radio Cos son Xurxo Fernandes e Quique Peón, cantantes e percusionistas do grupo, dous referentes no eido da investigación etnográfica en Galicia que levan xa 10 anos percorrendo Europa cos seus sons, cuxas melodías pertencen aos seus arquivos de gravacións de campo, traballo que levan facendo por todo o país desde hai máis de tres décadas. Co seu primeiro disco, Sete cuncas, confirmáronse coma un dos proxectos máis interesantes da música galega: música de raíz que mestura a sonoridade máis arcaica con elementos tirados da propia tradición e melodías alleas que gardan relación co país. Agora están inmersos no proceso de gravación do seu segundo disco.

A banda confórmana tres prestixiosos músicos: Pedro Lamas na gaita e saxo soprano, Nikolay Velikov no violín e Xan Pampín no acordeón.

Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre
Xabier Díaz presentará en Womex 16 The Tambourine Man, un dos traballos máis agardados da música galega, co que está a xirar por toda Europa. Voz fundamental do trad galego, Díaz aliouse neste caso coas Adufeiras de Salitre para reinterpretar a tradición galega e crear o seu disco máis ambicioso. Elas son un grupo de 11 percusionistas e cantoras de música tradicional que, canda Gutier Álvarez (zanfona e violino) e Javier Álvarez (acordeón diatónico), compoñen a nova aposta do músico coruñés.

Narf & Timbila Muzimba
Fran Pérez, "Narf", asóciase neste proxecto de cooperación cultural con Timbila Muzimba, un colectivo de músicos e bailaríns de Maputo con quen puxo en marcha Da Zigala a Zemambiquo, que fala de dous países imaxinarios que se parecen asombrosamente a Galicia e a Mozambique. Trátase dun proxecto de diálogo intercultural entre as formas musicais de hoxe e as tradicións ancestrais deste país africano.

Santiago, cidade Womex
Compostela é a cidade máis pequena na que se instalou o Womex nos seus 22 anos de historia. Logo do éxito de 2014, a organización decidiu repetir aquí debido ás altas puntuacións dos delegados que participaron. Para a preparación da vindeira edición, xa hai máis rexistros a estas alturas que na mesma época de 2014, e os stands están case esgotados.

Womex é a maior feira mundial do sector das músicas do mundo, que inclúe unha feira profesional e uns 60 concertos (a maioría deles abertos ao público), ademais de relatorios e proxeccións de filmes, entre outras actividades. A edición de 2014 en Santiago de Compostela acadou un récord de stands e un crecemento da asistencia. Os datos oficiais desa edición confirman o éxito: 2.400 delegados/as (+6,66% que a anterior edición) e 1.470 empresas (+16,66%) de 90 países e unha feira con 668 exhibidores de 47 países e un récord de 280 stands (+12%). A isto hai que engadirlle o protagonismo da música galega, coa participación de seis artistas galegos e 21 empresas participantes dentro do stand Galician Tunes, así como os retornos en termos de imaxe de marca para a cidade e para Galicia, e o impacto económico da feira.

O 90% do orzamento foi investido en empresas locais (alugueiro, soldos, escenarios, catering, etc.), con máis de 400 postos de traballo creados (250 directos e 150 indirectos). Nas últimas edicións, a media do impacto positivo no PIB do territorio no que se celebrou foi de 2,5 millóns de euros, con efectos directos e indirectos no emprego en varios sectores, tanto antes, como durante e despois do evento.

Así mesmo, hai que salientar o impacto de imaxe na cidade, con 2.400 delegados e 350 músicos provenientes de 90 países, 200 xornalistas e a presenza de emisoras de radio internacionais que emitiron programas para toda Europa.

Compartir: