CONVIVENCIA

O Concello mellora a seguridade viaria no contorno do IES Xelmírez II

28/06/2016 O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia deu conta hoxe das medidas postas en marcha polo seu Departamento para mellorar a seguridade viaria no contorno do IES Xelmírez II. Fíxoo acompañado pola directora do centro, por varios profesores, e por un grupo de estudantes autores dun traballo no que propoñían boa parte das medidas agora implantadas.

As melloras centráronse na rúa dos Irmandiños, que viu reducido o seu límite de velocidade a 30 quilómetros/hora. Para garantir o seu cumprimento, instaláronse unhas bandas redutoras de velocidade na zona máis próxima á entrada do instituto. A maiores pintáronse dous novos pasos de peóns e mudouse a localización duns colectores do lixo que restaban visibilidade nun paso de cebra xa existente. Tamén se mellorou a sinalización vertical, para advertir dos novos límites de velocidade, e informar da localización das bandas rugosas e dos pasos de peóns. Por último, instaláronse tres novas sinais de "perigo-zona escolar".

As alumnas que elaboraron o traballo explicaron que o principal problema no contorno do instituto era o exceso de velocidade co que circulaban a maioría dos vehículos que, sumada a escasa sinalización e problemas de visibilidade, incrementaba o risco de atropelos. Coa nova limitación a 30 quilómetros/hora e coa instalación de bandas rugosas, as estudantes confían en que os condutores sexan máis prudentes nesta zona. Tamén explicaron que o seu estudo chegaba máis alá do contorno inmediato do IES Xelmírez II, e propoñía diferentes melloras no ámbito de San Caetano e Cancelas.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia lembrou que os estudantes "presentáronlle o seu estudo ao Goberno a mediados de decembro, e dende entón traballouse para aplicar as medidas que foran factibles". Xan Duro indicou que no traballo tamén se reclama unha regulación semafórica que dea máis tempo para cruzar os pasos de peóns na rotonda da praza de España, e explicou que a Policía Local está traballando para aplicala en canto sexa posible. Tamén se comprometeu a estudar a posibilidade de acondicionar unha beirarrúa na rúa dos Irmandiños, xa de cara a 2017.

O edil felicitou ao alumnado e ao equipo docente do IES Xelmírez II polo seu traballo, "que é un xeito de aprender a realidade da cidade, pero tamén de aprender a xestionar as queixas diante das administracións públicas".Nese sentido, a directora do instituto, Ana Alonso, agradeceu a boa resposta do Concello ante o traballo presentado polos rapaces e rapazas do centro, "que aínda que non están en idade de votar si teñen moito que dicir sobre a cidade na que viven".

O alumnado do IES Xelmírez II desenvolveu un proxecto educativo durante os cursos 2013-2014 e 2014-2015 no que estudaban o contorno do seu instituto dende o punto de vista dos peóns, para identificar as principais deficiencias en materia de seguridade viaria e fomentar comportamentos cívicos no espazo público. Para elaborar o seu informe, realizaron percorridos pola zona e elaboraron enquisas entre os distintos membros da comunidade educativa e a veciñanza.

Compartir: