MEDIO AMBIENTE

O CIAC acolle en xullo unha exposición sobre aves e unha charla sobre a avespa asiática

27/06/2016 Este mes de xullo, no Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC), ademais das actividades habituais, haberá unha xornada sobre a situación da Vespa velutina en Galicia a cargo de Suso Asorey, da Asociación Galega de Apicultura. Unha exposición e un obradoiro sobre aves, unha actividade sobre consumo responsable e un novo roteiro completan o programa.

Aves de Galicia e o título da mostra que acollerá o CIAC do 6 ao 31 de xullo. A través desta exposición, os visitantes terán a posibilidade de coñecer as diferentes especies de aves existentes en Galicia e os diferentes tipos de hábitats da avifauna da nosa Comunidade.

Esta mostra, en préstamo do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), poderá visitarse no horario de apertura do CIAC: de martes a venres de 17:00 a 19:00 e os sábados e domingos de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 19:00 horas.

A programación en torno ás aves continuará o sábado 16 de xullo, ás 12:00 horas, cun obradoiro de iniciación á observación destes animais. Os participantes coñecerán as aves de Santiago de Compostela e as súas características.

O sábado 2 de xullo, ás 11:30 e ás 12:45 horas, na praza da Ciencia (praza da Angustia) e no marco das festas de San Pedro, celebrarase a dinámica grupal Aldea de Compostilla. Constrúe a túa casa. Os participantes construirán a súa casa na aldea de Compostilla e irán vendo coma o consumo propio afecta ao medio ambiente e ás demais persoas. A actividade está dirixida a persoas adultas e cativas/os maiores de 8 anos.

A situación da Vespa velutina en Galicia será obxecto dunha charla impartida por Suso Asorey, da Asociación Galega de Apicultura o venres 8 de xullo, a partir das 17:00 horas. Esta xornada pretende por en coñecemento da poboación cal é a situación da avespa asiática e os posibles riscos para as abellas e para as persoas.

O programa de actividades de xullo complétase cu novo roteiro de biodiversidade. Desta vez, o venres 29 de xullo, ás 17:30 horas, os camiñantes farán un percorrido urbano polos espazos que a cidade ofrece para albergar flora e fauna.

Todas as actividades ofertadas son de balde, mais é preciso inscribirse. Máis información a través da dirección de correo electrónico ciac@santiagodecompostela.org ou do teléfono 981 543 145.

Compartir: