ACCIÓN CULTURAL

O Concello e a Asociación Cultural Rocha Forte organizan un campamento de verán para nenos e nenas de entre 9 e 11 anos

27/06/2016 A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou acompañada de Carlos Delgado, presidente da Asociación Cultural Rocha Forte, e de María del Mar Bóveda, directora de Caixal Proxectos Culturais, o Campamento de Verán Rocha Forte. É o primeiro ano que se celebra este campamento, que terá lugar na Rocha entre o 11 e o 22 de xullo, en horario de 10:00 a 14:00 horas.

Está dirixido a nenos e nenas de entre 9 e 11 anos e realizarase durante dáus semanas nunha finca privada cedida para tal fin á Asociación Cultural Rocha Forte e nas instalacións do Centro Sociocultural da Rocha. "Gustaríame salientar que se trata dunha actividade de nova creación e de carácter cultural e educativo para o tempo de lecer dos nosos cativos e cativas. Está dirixida a rapaces e rapazas de Santiago e da comarca coa finalidade de ensinar dun modo lúdico, divertido e didáctico a Idade Media en Compostela a partir do coñecemento histórico, natural e arqueolóxico do Castelo da Rocha Forte" sinalou Branca Novoneyra.

Inscrición
Para participar é preciso cubrir a folla de inscrición, pagar as taxas correspondentes e levar a documentación á Asociación Cultural Rocha Forte ou ao CSC da Rocha. Hai dúas modalidades de inscrición: campamento completo de dúas semanas, entre o 11 e o 22 de xullo, por 50 euros, ou a modalidade dunha semana por 25 euros. Neste caso poderá ser do 11 ao 15 de xuño ou do 18 ao 22.

O pago deberá facerse mediante transferencia bancaria ou ingreso ao nº de conta ao nome da Asociación Cultural Rocha Forte, indicando o nome da actividade (Campamento Rocha Forte) e o nome do neno ou nena a inscribir. O número de conta é ABANCA ES77 2080 5155 9130 4006 0535.

Para obter máis información as persoas interesadas poden dirixirse á Asociación Cultural Rocha Forte nos teléfonos 696 421 977 e 626 383 389, ou no enderezo electrónico rochaforte99@gmail.com

A concelleira de Acción Cultural destacou tamén que "dende o Concello nos alegramos moito de poder participar xunto coa Asociación Rocha Forte e Caixal Proxectos Culturais neste tipo de iniciativas que queren achegar o patrimonio da nosa cidade aos máis cativos e cativas. Por iso nos sumamos a esta actividade de nova creación e esperamos que sexa o primeiro ano de moitos máis realizándoa no noso concello."

Documentos relacionados



Compartir: