XUNTA DE GOBERNO

Aprobado o convenio para o Womex 2016

23/06/2016 A Xunta de Goberno deulle hoxe o visto ao convenio entre o Concello e a Consellería de Cultura para o financiamento do Womex 2016, a maior feira internacional de músicas do mundo que se celebrará en Santiago do 19 ao 23 de outubro. O acordo establece que a Consellería fará unha achega de 100.000 euros para o financiamento do festival, mentres que o Concello aportará 75.000 euros e a Deputación da Coruña 215.000.

O Womex 2016 vai estruturar a súa programación en dúas partes: DayWomex e NightWomex. A primeira abarca a feira profesional e outras actividades complementarias que se desenvolverán na Cidade da Cultura. No NightWomex prevense máis de 690 concertos de pequeno formato, que terán lugar en distintos espazos de Compostela, tanto pechados como ao aire libre. Na edición de 2014, que tamén se celebrou en Santiago, o Womex conseguiu un récord de participación, con 2.400 delegados e 1.470 empresas de 90 países.

Finca do Espiño
Na sesión desta mañá, o Executivo local acordou iniciar o procedemento para resolver o contrato coa empresa Dragados, adxudicataria da rehabilitación do palacete da Finca do Espiño. O secretario da Xunta de Goberno, Xan Duro, explicou que a decisión responde a informes técnicos que puxeron de manifesto a existencia de numerosos erros no proxecto, "como a ausencia de partidas para o apuntalado das ruínas ou a xestión do residuos".

O edil sinalou que a corrección destes erros afectaríalle a máis do 10% do orzamento da obra, polo que legalmente non se podía facer un modificado do proxecto. Agora, o Concello terá que indemnizar á empresa cunha cifra equivalente ao 3% do importe do contrato, que era de 931.972,19 euros. Ademais, a Xunta de Goberno acordou iniciar un procedemento contraditorio para depurar as responsabilidades que puidera ter o arquitecto responsable do proxecto por eses erros.

Outros acordos
A proposta da concellería de Educación, a Xunta de Goberno aprobou os prazos para a solicitude de matrícula nos servizos de comedor e de madrugadores para o curso que vén. O trámite poderase realizar entre os días 27 de xuño e 11 de xullo, ambos inclusive.

En materia de transporte público, a Xunta de Goberno aprobou as liquidacións de Tralusa, Transportes Mosquera e Autos Carballo relativas a 2015, acordou a solicitude dunha subvención ao transporte colectivo urbano interior.

Documentos relacionados



Compartir: