IGUALDADE

Presentado "Compostela, Territorio das Mulleres", un proxecto novidoso para facer de Santiago un concello referencia en igualdade

07/06/2016 O Museo do Pobo Galego acolleu o acto de presentación de Compostela, Territorio das Mulleres. A través deste proxecto, impulsado pola Concellaría de Igualdade, búscase poñer en valor as iniciativas a prol da igualdade de xénero na cidade, así como implicar os axentes sociais e o sector económico co fin de crear un mapa de recursos, lugares e equipamentos que axuden a facer de Santiago de Compostela unha cidade igualitaria e amigable coas mulleres. Asistiron, ao acto, entre outros, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e a concelleira de Igualdade, Marta Lois.

O proxecto Compostela, Territorio das Mulleres, ten como finalidade implicar á cidadanía na construción dun modelo de cidade máis amigable para e coas mulleres. As cidades son espazos de convivencia, de tránsito de persoas, de experiencias vitais, de traballo, de lecer, de aprendizaxes… Son lugares onde converxen realidades e necesidades diversas, o urbano e o rural, pero tamén territorios onde se xeran desigualdades no acceso aos recursos, no acceso aos servizos, no goce dos dereitos sociais, económicos e culturais, e onde a fenda de xénero as atravesa todas. As cidades son o que son as persoas que as habitan, que as visitan, que van e veñen, que ocupan os espazos privados e, sobre todo, as cidades son o que son as persoas que fan os espazos públicos.

É por todo isto que a Concellaría de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo pon en marcha este proxecto, implicando aos sectores sociais e económicos de Compostela na construción da cidade que queremos: máis accesible, máis inclusiva e máis igualitaria, porque unha cidade pensada para as mulleres é unha cidade mellor para toda a cidadanía.

O obxectivo deste proxecto é, por unha banda, habilitar un espazo de confluencia (tm.santiagodecompostela.gal) para os recursos que están traballando a prol da igualdade de xénero na cidade, en diferentes ámbitos, que lles dea maior visibilidade e accesibilidade e, por outra, implicar aos axentes sociais e ao sector económico co fin de crear un mapa de recursos, lugares e equipamentos que axuden a construír unha cidade igualitaria e amigable coas mulleres. Ao mesmo tempo, o mapa servirá para explorar unha dimensión turística orientada a facer de Compostela unha cidade women friendly, cuxo selo axudará na consolidación da capital galega como destino turístico.

Dada a importancia dos sectores da hostalería e o turismo no desenvolvemento económico e social da cidade e a súa capacidade de influencia, tanto na veciñanza como nas persoas que nos visitan, promóvese que ámbolos dous sexan un axente motor no proceso de creación de Compostela, territorio das mulleres. Así, comezouse convidando a hoteis, hostais, restaurantes e oficinas de turismo de Santiago a valorar que contidos, relacionados co fomento da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, poderían incorporar nas súas prácticas e espazos a través dunha carta enviada a finais de febreiro, tomando como referencia as bases de datos de Turgalicia e Turismo de Santiago. Do mesmo xeito, procurouse un contacto activo coas diferentes asociacións representativas do sector en Compostela.

Formulario sobre a perspectiva de xénero
Aos establecementos que amosaron interese en participar no proxecto remitíuselles un formulario para recoller información directa sobre os equipamentos e a perspectiva de xénero na súa xestión; datos que serviron para unha diagnose inicial, dada a diversidade de establecementos, e para a formulación dos compromisos.

O seguinte paso foi contactar persoalmente coas encargadas ou encargados a través de entrevistas para presentarlles os materiais do proxecto e os compromisos que é preciso asumir para ser establecemento colaborador de TM e contar co distintivo Women Friendly. Mais este proceso é aberto, e todos os establecementos que o desexen poden ir incorporándose a Compostela, Territorio das Mulleres en calquera momento (contactar en tm.santiagodecompostela.gal).

A metodoloxía de traballo foi formulada en colaboración cun grupo de traballo multidisciplinar formado por Uqui Permui (responsable do deseño e da creación do proxecto), Lucia Canoura (responsable da coordinación técnica), Encarna Otero (historiadora), Patricia Porto (educadora social e libreira), Yolanda Ferro (directora-xerente en funcións de Turismo de Santiago), María Novas (arquitecta) e Rita Sobrado (hostaleira e secretaria da Asociación Hostalería Compostela Sección Hospedaxe).

As funcións do grupo foron poñer en común criterios de selección, formulación de compromisos, mapeo colectivo, etc, tanto dos establecementos como do conxunto de recursos do mapa.

Decálogo
Os establecementos participantes, que superan xa os 30 entre restaurantes, hoteis e entidades sociais, comprométense a cumprir un decálogo de boas prácticas que inclúe: promover que o establecemento sexa un espazo accesible, integrador, seguro e agradable para as mulleres; facer un uso inclusivo da linguaxe, non discriminatorio cara as mulleres nos diferentes soportes: cartas, menús, publicidade, redes sociais, páxina web, documentos de xestión etc; respectar os dereitos laborais das mulleres que traballan no establecemento e promover a igualdade de oportunidades cos seus compañeiros no desenvolvemento profesional a través da promoción e o recoñecemento laboral, da equiparación de salarios, da facilidade de medidas de conciliación, etc; rexeitar rotundamente a violencia de xénero a través da posta en marcha de medidas para a súa prevención e denuncia, así como facer do establecemento un espazo de protección e seguridade ante as agresións machistas; respectar e defender a diversidade sexual das persoas usuarias do establecemento; desenvolver ao longo do ano un mínimo de tres accións de visibilización, recoñecemento e posta en valor das achegas das mulleres en diferentes ámbitos: cultural, gastronómico, social, político, económico, científico etc; facer difusión, no establecemento, redes sociais, webs e outros soportes, dos materiais de promoción do proxecto Compostela, territorio das mulleres; poñer a disposición das persoas usuarias un Libro de Visitas para a recollida de información sobre as súas experiencias no establecemento relacionadas con Compostela, Territorio das Mulleres; atender as recomendacións de boas prácticas realizadas por Compostela, Territorio das Mulleres e atender os requirimentos de Compostela, Territorio das Mulleres relacionados co incumprimento deste decálogo.

Presentación pública
Ademais do alcalde e da concelleira, participaron no acto de presentación Rita Sobrado, xerente do Hotel Real e secretaria da Asociación de Hostalería Compostela dentro da sección de hospedaxe; Esteban Iglesias, director do NH Collection Santiago; e Uqui Permui, directora artística do proxecto.

Ao final do acto serviuse n cóctel, ambientado musicalmente por Alba Triunvirato DJ.

Compartir: