LINGUA E COMERCIO

Lingua e Comercio poñen en marcha o IV Concurso de Proxectos de Publicidade

31/05/2016 A concelleira de Desenvolvemento Económico, Marta Lois, presentou a cuarta edición do Concurso de Proxectos de Publicidade Comercial en Galego, que pretende ser un incentivo para a galeguización da comunicación entre empresas ou establecementos comerciais e o público, así como servir de recurso para promover a calidade e a creatividade na comunicación. Haberá dous premios de 5.000 euros para a execución dos proxectos gañadores.

Tras analizar diversos estudos sociolingüísticos observouse que existe un potencial de maior uso do galego no sector socioeconómico. As empresas e negocios empregan menos galego do que lles gustaría aos seus clientes (ao 46,4% pareceríalles ben que se usase máis nas relacións comerciais). Tamén se comprobou que os negocios falan menos en galego cos clientes do que o fan internamente. O uso do galego entre o persoal chega a superar o 50%, pero baixa cos clientes a un 37,8%.

En Compostela existe unha gran diferenza entre o uso que se fai do galego á hora de interactuar coa clientela e o que se fai en ámbitos como a documentación administrativa ou a publicidade, sendo moito máis frecuente no primeiro dos casos.

Ao mesmo tempo, a publicidade é un recurso que non sempre se aproveita ben no eido empresarial a nivel local. Neste sentido, o galego tamén é unha fonte para a creatividade. Baixo o lema "Coa lingua conectas. A boa publicidade en galego merece premio", este concurso procura xuntar estes ingredientes para que se produza unha campaña na que se combinen as máis efectivas ferramentas publicitarias co uso do galego. A imaxe gráfica e o vídeo promocional xogan co dobre sentido da "lingua" como idioma e como órgano xestual para conectar ás persoas e tamén sensorial para explorar sensacións. Baseándose nesa mensaxe, as pezas gráfica e audiovisual xogan coas distintas conexións a través da lingua.

Bases
Poderán participar no concurso os establecementos comerciais e hostaleiros radicados en Compostela e os profesionais da comunicación e da publicidade. Os participantes deberán presentar un proxecto de campaña publicitaria, deseñado para calquera soporte e sistema de distribución, elaborado por un profesional para un negocio concreto do municipio, polo que deberá existir unha certa colaboración entre os titulares das empresas e os publicistas que elaboren a campaña.

Un xurado, formado polo alcalde, a concelleira de Desenvolvemento Económico, cadanseu técnico municipal dos departamentos de Lingua e Comercio e tres profesionais no ámbito do deseño e a comunicación, valorará a calidade lingüística, uso da linguaxe inclusiva, aproveitamento de recursos idiomáticos, orixinalidade e innovación nos contidos e nos formatos, precisión na definición do target, viabilidade técnica e económica, adecuación dos ítems e das canles de distribución aos obxectivos.

Haberá dous premios de 5.000 euros para a execución dos proxectos gañadores. Dóbrase a dotación do concurso respecto o ano pasado, onde había un único premio do mesmo importe. As persoas interesadas teñen ata o día 30 de xuño para presentar as súas propostas no Rexistro do Concello.

Para máis información, dende o Concello farase chegar a empresas de comunicación e publicidade, ás asociacións de empresarios, hostaleiros e comerciantes a aos diferentes establecementos comerciais, folletos coas bases do concurso. As bases e formulario de inscrición estarán dispoñibles no microsite coalinguaconectas.santiagodecompostela.gal e no perfil de Facebook.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: