EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Catrocentos escolares de toda España reuniranse este sábado en Compostela no VII Campionato Nacional de Cálculo con Ábaco

31/05/2016 Catrocentos escolares de toda España, de idades comprendidas entre os 5 e os 13 anos, participarán este sábado 4 de xuño no VII Campionato Nacional Aloha Mental Arithmetic, que terá lugar en Santiago de Compostela. O evento está organizado por Aloha Mental Arithmetic en colaboración co Departamento de Educación e Cidadanía.

O evento foi presentado esta mañá polo seu concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, e por Antonio Palos, director de Expansión de Aloha, e Ana Seijo, de Aloha-Galicia. Eles ofreceron os detalles dunha competición na que os participantes terán a oportunidade de facerse co título de Campión Nacional de Cálculo. Para iso deberán realizar 70 operacións aritméticas en 5 minutos, utilizando unicamente como ferramentas un ábaco, a súa axilidade mental e as súas mans.

O alumnado porá así en práctica as habilidades aprendidas durante o curso a través do Aloha Mental Arithmetic. Este programa de desenvolvemento mental, que se imparte a 15.000 alumnos de 500 centros escolares de toda España, ensina aos nenos e nenas a realizar as operacións matemáticas de sempre dun xeito diferente, máis rápido e máis eficaz.

Os responsables da organización apuntaron que "o programa Aloha Mental Arithmetic baséase na visualización e na conceptualización. É dicir, os nenos e nenas aprenden a visualizar os problemas e as tarefas en forma de imaxes. Isto permite unha mellora da comprensión, un aumento da memoria e a adquisición dunhas habilidades analíticas que teñen un efecto positivo xeral sobre o rendemento escolar do alumno". De feito, especifican que "9 de cada 10 escolares de Aloha melloraron o seu rendemento escolar no curso 2015-2016, incrementando a súa atención e concentración, así como aumentando a súa autoestima. Ademais, máis da metade obtivo mellores cualificacións na materia de Matemáticas".

A proba terá lugar no CEIP López Ferreiro, a partir das 9:00 horas. Os nenos e nenas participarán en distintas categorías, de acordo coa súa idade e formación. Os premios aos Campións Nacionais de Cálculo entregaranse ás 17:30 horas no Teatro Principal de Santiago, o mesmo sábado. "O obxectivo non é realizar unha competición ao uso, senón máis ben unha gran festa na que os nenos se poñan a proba a si mesmos, gocen con esta actividade e poñan en práctica os valores que promove Aloha Mental Arithmetic dende o primeiro día de clase: a constancia, o esforzo e a aceptación das diferencias individuais", afirman dende esta entidade.

Xincana por Compostela
A gran novidade do VII Campionato Nacional Aloha Mental Arithmetic será unha divertida xincana na que os nenos, acompañados das súas familias e coa única axuda do seu enxeño e dun móbil con conexión a Internet, deberán resolver unha das sete misións especiais que se desenvolverán nas rúas de Compostela. Misións tan especiais como evitar o roubo do botafumeiro da Catedral, recuperar o Códice Calixtino, descubrir os ingredientes da tarta de Santiago ou aprender a elaborar unha gaita.

Durante algo máis de dúas horas, cada familia, ben de forma independente ben en colaboración con outros grupos, resolverán un destes misterios relacionados coa historia e a cultura de Santiago. Para iso contarán coa axuda do Tuno Astuto, que lles irá ofrecendo pistas e formulando enigmas para que cada grupo poida resolver a súa misión, así como de distintos personaxes que interactuarán con eles polas rúas de Compostela.

Nesta xincana colaborarán, entre outras entidades, tres institucións museísticas da cidade: Museo do Pobo Galego, Fundación Eugenio Granell e Museo das Peregrinacións.

Obradoiros en centros educativos
Co inicio do curso escolar 2016-2017, durante os meses de setembro e outubro está previsto o desenvolvemento dun conxunto de talleres didácticos nos centros educativos de Compostela, dirixidos aos escolares de 1º e 2º de Educación Primaria. O obxectivo deste taller é demostrar que o cálculo mental pode resultar unha actividade moi interesante e divertida, empregando xogos e exercicios máis característicos e interactivos de cálculo con ábaco e xogos didácticos. Con tal motivo, en breve realizarase a correspondente convocatoria de participación nestes talleres.

Direcciones relacionadas



Compartir: