CONVIVENCIA

O Concello celebra a Semana da Seguridade Viaria con actividades para os máis novos

31/05/2016 O 10 de xuño é o Día da Seguridade Viaria, e o Concello de Santiago vaino celebrar ao longo de toda a semana con distintas actividades. O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, e a responsable de Educación Viaria da Policía Local, Diana Parente, presentaron hoxe o programa, que quere concienciar á poboación máis nova da importancia de actuar de xeito seguro e responsable, como condutor, como peón ou como usuario de bicicletas.

A primeira das actividades previstas na Semana da Seguridade Viaria será un Road Show no Auditorio de Galicia, o venres 3 de xuño. Trátase dun xeito novidoso e impactante de concienciar aos máis novos da importancia dunha condución segura e responsable, que chega a Compostela da man de IRSA (International Road Safety Academy) e de Trafpol, unha asociación sen ánimo de lucro integrada por policías locais de todo o Estado e que traballa no campo da educación viaria.

A responsable de Educación Viaria da Policía Local explicou que o Road Show está dirixido ao alumnado de primeiro de Bacharelato. A actividade comeza simulando unha discoteca, "para que os rapaces vexan reflectido o ambiente no que se produce o consumo de alcol". Despois, os asistentes verán imaxes reais de accidentes de tráfico e poderán coñecer as experiencias de policías ou bombeiros, "nun relato que se desenvolve fundamentalmente dende as emocións". Diana Parente sinalou que xa teñen confirmada a súa asistencia ao Road Show preto de 600 estudantes de cinco institutos de Compostela.

Parque infantil de tráfico
Para o martes 7 de xuño está prevista unha xornada de portas abertas no parque infantil de tráfico instalado en Amio, de 16:00 a 19:00 horas. O obxectivo é que todos os rapaces e rapazas de Compostela que non puideron visitalo aínda coñezan este recurso, que se enmarca no programa de seguridade viaria da Policía Local Móvete seguro con Moito Olliño.

Polo parque pasou xa o alumnado dunha ducia de colexios composteláns, que puido poñer en práctica o aprendido previamente nas aulas sobre comportamentos seguros na rede viaria e sobre normas básicas de circulación. En Amio tamén está instalado, en colaboración con Decathlon, un taller de bicicletas, na que os rapaces e rapazas poden aprender a resolver pequenos problemas técnicos como un pinchazo, a rotura de freos ou o desaxuste das cadeas.

A Semana da Seguridade Viaria rematará o 10 de xuño, cun gran evento na praza do Obradoiro no que se dará a coñecer o labor da Policía Local e do persoal de emerxencias.

Compartir: