EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Segundo taller "Xoga e aprende con enerxía!"

28/05/2016 Este sábado realizouse o segundo taller Xoga e aprende con enerxía! a cargo de Marta Gómez, arquitecta experta en enerxía da arquitectura. Este taller está dirixido a nenos/as entre os 9 e 12 anos, que a través de divertidos xogos aprenden a aforrar enerxía e a concienciarse na mellora dos espazos nos que habitan de xeito cotiá. O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, visitou o obradoiro a última hora da mañá.

Foi o segundo dos cinco talleres didácticos programados os sábados para grupos reducidos, sen superar os 20 participantes, nos que o colectivo Precicla, integrado por profesionais da arquitectura e expertos en enerxía da arquitectura, imparten unha serie de contidos, asi como xogos e outro tipo de actividades co obxectivo de promover cambios de hábitos no comportamento do alumnado. Ao longo destas horas danse a coñecer as múltiples posibilidades de aforro enerxético, tipos de equipos, instalaciónns e electrodomésticos máis eficientes, así como outros conceptos de consumo consciente e responsable.

Na sesión desta mañá contouse coa asistencia ás actividades de Jay Stuart, arquitecto irlandés especializado en xestión enerxética e sostibilidade urbana, así como Dennis Rodwell, arquitecto británico, consultor internacional e experto en plans de xestión de cidades Patrimonio da Humanidade. Ambos son socios do Consorcio de Santiago no proxecto europeo de investigación EFFESUS (Eficiencia Enerxética para a sostibilidade das cidades históricas en Europa).

Asistencia
Polo interese destas actividades na sensibilización dos escolares composteláns arredor dun consumo enerxético máis sustentable, o Departamento de Educación e Cidadanía seguirá o próximo luns a manter contactos con colectivos da cidade e coa rede de centros educativos de Santiago para acoller as peticións de participación nestes talleres didácticos.

Para asistir a estes talleres, que se realizarán tamén os sábados 4, 11 e 18 de xuño, deberá reservarse praza no Departamento de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago: dpteducacion@santiagodecompostela.gal ou nos teléfonos 981 554 400/401

Baixo o lema Rehabilita con enerxía!, o Consorcio de Santiago celebra, no primeiro andar da Galería Sargadelos, varios talleres participativos para que os cidadáns melloren a xestión enerxética nas súas vivendas. Esta iniciativa enmárcase no programa europeo EFFESUS -Eficiencia enerxética para a sostibilidade dos centros históricos europeos.

Compartir: