CONVIVENCIA

O Concello de Santiago habilita tres áreas de aparcamento para residentes en horario nocturno na zona histórica

25/05/2016 O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, anunciou hoxe a creación de tres bolsas de aparcamento para residentes na cidade vella, en resposta a unha vella demanda dos colectivos veciñais da zona histórica. Serán áreas nas que os residentes poderán estacionar en horario nocturno, dende as 20:30 horas da tarde ata as 8:30 horas da mañá en días laborables, e ata as 10:30 horas en festivos.

As zonas de aparcamento para residentes sumarán 92 prazas. En concreto, haberá 33 en Costa Vella (dúas delas para persoas con mobilidade reducida), 21 na Algalia de Abaixo, e 38 en San Clemente (unha delas para persoas con mobilidade reducida). Xan Duro explicou que, segundo as inspeccións que vén realizando a Policía Local, "na zona vella aparcan polas noites unha media de 90 vehículos, polo que estas tres bolsas de estacionamento poderían ser suficientes para solucionar os problemas dos veciños". En todo caso, o edil sinalou que o Concello ten en mente outras dúas zonas nas que se podería habilitar estacionamento para residentes.

Unha vez estas áreas estean debidamente sinalizadas e pintadas de cor verde, abrirase a convocatoria para solicitar as tarxetas de residentes. Como vén sendo habitual, darase un prazo dun mes antes de sancionar, para que a veciñanza se acostume á normativa.

Supresión de prazas por motivos de seguridade
O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia tamén informou da supresión de prazas de aparcamento en varias rúas da cidade histórica, por motivos de seguridade. Xan Duro explicou que a Policía Local e os Bombeiros veñen realizando inspeccións nas últimas semanas nas que se detectaron problemas de accesibilidade para os vehículos de emerxencias en distintas zonas.

Así, na rúa Hospitaliño suprimiranse cinco prazas que impiden o xiro dos camións de bombeiros, e mudarase a localización de dúas prazas de carga e descarga. Na rúa Atalaia eliminaranse dúas prazas para facilitar o xiro, e na rúa da Enfesta desaparecerán 11 prazas. Xan Duro explicou que nesta última rúa, "cos vehículos aparcados queda un ancho de 1,9 metros, que impide o paso dunha ambulancia". De feito, un destes vehículos quedou atascado no viario hai unha semana.

Na rúa de Touro vanse eliminar nove prazas, e na rúa Altamira manteranse catro prazas e eliminaranse outras catro permitidas. Neste caso, o concelleiro explicou que na zona "estaban autorizadas seis prazas de estacionamento, pero en realidade aparcan a diario unha ducia de vehículos".

A prohibición de aparcar nestas prazas farase efectiva no prazo dun mes. Tanto a supresión destes estacionamentos como a creación das bolsas de aparcamento para residentes en horario nocturno na zona vella recibirán luz verde na Xunta de Goberno do próximo venres.

Compartir: