DEPORTE E TURISMO

Dous mil atletas populares tomarán as rúas de Compostela este sábado na SantYaGo10K

20/05/2016 Este sábado celébrase a segunda edición de SantYaGo10K, a carreira nocturna de Santiago de Compostela, que reunirá a preto de 2.000 atletas populares de Santiago, Galicia e resto de España. A carreira comezará ás 22:30 horas en San Francisco. Os corredores comezarán a chegar á meta no Obradoiro a partires das 23:00 horas. A carreira repartirá máis de 1.700 euros en premios e 60 trofeos.

Para animar tanto ás persoas participantes como ao público asistente, a organización programou diferentes puntos de animación na rúa, que inclúen un DJ na saída, actuacións musicais na rúa da Senra e na Alameda, gaiteiros e pandereteiros na praza do Toural, unha charanga en Cervantes e un gran fin de festa no Obradoiro.

O circuíto deste ano varía respecto ao da primeira edición. Nesta ocasión trátase dun circuíto lineal que percorrerá gran parte do Casco Histórico. Comeza en San Francisco e remata no Obradoiro. O percorrido completo é:

Km 1: San Francisco, esquina Facultade de Medicina / Campiño de San Francisco / Avda. Xoán XXIII / Avda. Burgo das Nacións. Km 2: Avda. Castelao / Rúa Vista Alegre / Rúa Avío. Km 3: Rúa Avío / Rúa Vista Alegre / Rúa Salvadas / Rúa Morón / Rúa Castiñeiros / Campiño de San Francisco. Km 4: Costa San Francisco / Rúa Entrerríos / Rúa Galeras / Rúa Pombal. Km 5: Paseo dos Leóns / Paseo da Ferradura (volta longa) / Paseo da Ferradura (volta curta).

Km 6: Paseo Central da Alameda / Campo da Estrela / Avda. Xoán Carlos I (xiro na gasolineira) / Campo da Estrela / Rúa Senra / Praza de Galicia. Km 7: Rúa Fonte de Santo Antonio / Tránsito da Mercé / Rúa Ensinanza / Rúa Virxe da Cerca / Rúa Astrónono Aller Ulloa / Porta do Camiño / Rúa Rodas. Km 8: Rúa Algalia de Abaixo / Rúa Casas Reais / Rúa Travesa / Rúa San Bieito / Rúa Santo Agostiño / Praza Santo Agostiño / Rúa Ameas / Praciña San Fiz de Solovio / Travesa da Universidade / Praza da Universidade / Praza Mazarelos / Rúa Cardeal Payá / Rúa Orfas / Rúa Caldeireiría. Km 9: Rúa Preguntoiro / Praza Cervantes / Rúa Acibechería / Vía Sacra / Rúa San Paio de Antealtares / Praza Feixóo / Rúa Conga / Rúa Nova / Cantón Toural / Praza Toural / Rúa Vilar / Praza Praterías / Rúa Fonseca. Meta: Praza do Obradoiro.

O obxectivo da organización é que poidan participar na carreira persoas do resto de Galicia e de España, aproveitando a carreira como unha oportunidade para pasar unha fin de semana na cidade. Por iso, SantYaGo10K colabora con Renfe para ofertar un 35% de desconto nos billetes de ida e volta a Santiago entre o 17 e o 25 de maio. Esta colaboración é posible grazas ao convenio que teñen asinado Turismo de Santiago e a Asociación Hostalería Compostela con Renfe.

SantYaGo 10K naceu en 2015 da man do Club de Atletismo Fontes do Sar que, logo de participar en ducias de carreiras en toda España, deseñou unha cita pensando nos corredores populares e tomando os mellores detalles dunha multitude de probas de todo tipo.

Direccións relacionadas



Compartir: