LINGUA E ACCIÓN CULTURAL

Compostela súmase á celebración do centenario das Irmandades da Fala

18/05/2016 O Concello de Santiago súmase á celebración do centenario das Irmandades da Fala, e faino cun amplo programa de actividades que hoxe presentaron o alcalde, Martiño Noriega, e a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra. No acto tamén participaron familiares de Luis Porteiro Garea, fundador da Irmandade da Fala de Santiago.

O groso da proposta parte do Departamento de Lingua e desenvolverase o sábado 28 de maio, no mesmo día no que naceu a Irmandade da Fala de Santiago, dez días despois da creada na Coruña. As actividades lembrarán o discurso co que se fundou a Irmandade compostelá, pronunciado por Luis Porteiro Garea. O alcalde incidiu na importancia da figura deste avogado, "que en 1916 fixo un relato que segue estando de plena actualidade cen anos despois, e no que falou de lingua pero tamén de historia, de industria ou de música". Martiño Noriega salientou algúns puntos do discurso de Porteiro Garea, "que serían aplicables hoxe, como aqueles nos que fala de que os galegos temos que coñecer mellor a nosa historia para afrontar os nosos problemas, da necesidade de respectármonos máis a nós mesmos e ao noso idioma, das dificultades para utilizar o galego no ámbito da xustiza".

Tamén interveu na presentación da Alameda o neto do fundador, Antón Porteiro, que agradeceu a homenaxe ao seu avó, que "chega tarde, pero chega". Lembrou que Luis Porteiro foi "unha das figuras máis silenciadas polo franquismo".

Programa
O discurso de Porteiro Garea está estruturado en doce puntos, e o Concello incluíu na súa programación para o 28 de maio o mesmo número de actividades. As asociacións Gentalha do Pichel, San Martiño Pinario e Cidade Vella colaboran nas propostas, entre as que se atopan mesas redondas e charlas coloquio sobre asuntos presentes no discurso de Porteiro Garea, como a responsabilidade do pobo galego no seu destino, a presenza da nosa lingua no ámbito da xustiza ou a realidade económica de Galicia.

Tamén haberá teatro e monicreques, con propostas que farán revivir a persoeiros vinculados dalgún xeito ás Irmandades como o fotógrafo Ksado ou María Miramontes; e intervencións artísticas que encherán a cidade vella de retratos de persoeiros das Irmandades. No apartado musical, están previstas actuacións en distintos espazos do centro histórico, con Ricardo Parada, a Escola Vivantes, Cantamadeira, O Fondo do Peto, Alba María ou O Caruncho. Os escenarios das actividades tamén estarán relacionados coas Irmandades da Fala de Compostela: o claustro de Fonseca, a Facultade de Filosofía, a rúa do Vilar, a praza de Cervantes, o Instituto Rosalía de Castro…

O acto central desenvolverase no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval. Será un recital poético no que van participar Salvador García-Bodaño, Helena Villar Janeiro, Claudio Rodríguez Fer e Lucía Novas. O acto pecharase cun concerto co tenor Joaquín Pixán e o pianista Manuel Pacheco, que interpretarán os temas do seu disco Ramón Cabanillas na música, porque lembrando a Cabanillas é como finalizaba o discurso de Porteiro Garea na fundación da Irmandade da Fala de Santiago.

Exposición nos quioscos
As propostas do Concello para lembrar as Irmandades da Fala complétanse cunha exposición en catro quioscos da cidade que se atopan pechados. Trátase, en concreto, dos situados na Alameda, a praza de Vigo, Xoán XXIII e a rúa Bernando Barreiro, no barrio de Sar.

A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, explicou que elixiu esta ubicación para tratar de achegar a mostra ao maior número de persoas posibles. A exposición trata de difundir a importancia das Irmandades da Fala, tanto na época na que xurdiron hai cen anos como na actualidade. Na mostra combínanse textos explicativos con imaxes relacionadas coa orixe das Irmandades, o seu ideario político e cultural, as súas etapas, as persoas que estiveron vinculadas a elas, ou a súa relación coa emigración. Tamén se fai referencia ao que foi o voceiro das Irmandades, A Nosa Terra.

Direccións relacionadas



Compartir: