LINGUA E ACCIÓN CULTURAL

Poesía e música para homenaxear a Manuel María no Día das Letras Galegas

16/05/2016 O Concello de Santiago sumarase mañá martes, 17 de maio, á celebración do Día das Letras Galegas e ao recordo a Manuel María, o autor homenaxeado este ano. Será a través dun recital poético, dun concerto especial da Banda Municipal de Música e dun paseo-recital dende a praza do Obradoiro ata San Martiño Pinario. Ademais, segue aberto o concurso #fotolingua.

As actividades deste Día das Letras Galegas, organizadas polos departamentos de Lingua e Acción Cultural, queren poñer en valor a obra de Manuel María e a súa vinculación con Compostela. A celebración arrancará ás 11:00 horas cun acto de homenaxe ao poeta lugués na rúa que leva o seu nome no barrio de Salgueiriños. No seu transcurso actuará a Banda Municipal de Música e haberá un recital poético a cargo da veciñanza da propia rúa.

Xa pola tarde, a partir das 17:00 horas, celebrarase un paseo-recital, no que se incidirá nesa relación de Manuel María con Santiago, a través da súa obra Poemas a Compostela. O acto comezará na praza do Obradoiro, onde a concelleira de Acción Cultural fará unha introdución sobre a figura do poeta lugués e a devandita vinculación coa ciade. De seguido, haberá unha lectura de poemas, a cargo de persoas vinculadas coa cultura como Comba Campoi, Olalla Cociña, Rosalía Fernández, Montse Dopico, Miro Villar, Laureano Araúxo, Lara Rozados e Manolo Portas.

Todos eles invitarán ao público a participar na lectura, na propia praza do Obradoiro, na Quintana e en San Martiño Pinario. Neste punto rematará o paseo-recital, e alí está previsto un concerto de García MC, compoñente do colectivo hip hop Dios Ke Te Crew e que ten musicado un dos textos do Poemas a Compostela, de Manuel María.

A programación do 17 de maio complétase cun concerto da Banda Municipal de Música na praza de Praterías, a partir das 19:30 horas. A formación estará acompañada por Cantigas e Agarimos, e na actuación integrarase a música da Banda Municipal coa das gaitas e o coro da agrupación folclórica. Tamén participará o grupo de baile acompañando algunhas das pezas.

Concurso de fotografía
Por outra banda, está aberto o concurso #fotolingua, organizado polo Departamento de Lingua co obxectivo de poñer en valor o uso do galego na paisaxe de Santiago. Nesta primeira edición, o certame leva por lema #ogalegovende e os participantes teñen que presentar, a través dos perfís do concurso en Facebook ou Instagram, fotografías de elementos de negocios ou empresas de Compostela nos que apareza a lingua galega, tales como letreiros, etiquetas, ou cartaces. Haberá dous premios, un para a imaxe elixida por un xurado, e outra para a fotografía que reciba máis "gústame" nas redes. Nos dous casos, o agasallo será un teléfono móbil de última xeración.

O prazo para presentar as fotografías pecharase o 24 de maio e, en todos os casos, as imaxes deben ir acompañadas dos hashtags #fotolingua e #ogalegovende. O nome dos gañadores publicarase o 27 e maio.

Compartir: