DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

A xornada "O mercado de traballo na hostalería" amosa a necesidade de mellorar a calidade do emprego no sector

11/05/2016 O edificio Cersia acolleu esta mañá a celebración da xornada O mercado de traballo na hostalería, que congregou a profesionais do sector para analizar o mercado laboral no mesmo. Alí estivo presente a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, que incidiu na "necesidade de que se mellore a calidade dos empregos para que se puidese mellorar así a calidade do turismo cara a superar a estacionalización do sector na cidade".

Estas xornadas serviron para poñer sobre a mesa as conclusións do estudo levado a cabo por Arturo González, director de Quadernas Consultoría, que leva por nome O sector hostaleiro en Santiago de Compostela: afiliación, formación e condicións laborais. Parte de dúas fontes para a análise do mercado laboral dentro do sector. En primeiro lugar, a análise dos datos de afiliacións á Seguridade Social no eido da hostalería na cidade durante o ano 2015 e, en segundo lugar, unha enquisa a empregados/as e demandantes de emprego no sector nos meses de decembro de 2015 e xaneiro de 2016.

Principais conclusións
O sector servizos é o máis destacado en Compostela, con cifras de afiliación entre as 57.400 e 59.500 e que supón o 87,6% das afiliacións anuais no Concello. O segundo sector con máis presenza é a industria (7%), seguido da construción (4,3%) e finalmente da agricultura (1,2%). A importancia da hostalería en Santiago queda patente ao comprobar que o seu peso específico (8,1%) supera a estes tres sectores principais.

No estudo reflíctese que o 37,8% das afiliacións á hostalería no 2015 responden a contratos temporais. Esta temporalidade é especialmente elevada nos servizos de comida e bebida (40,9%) mentres no aloxamento a porcentaxe de contratos temporais se sitúa no 29,5%. No conxunto da hostalería podemos comprobar como a contratación temporal se incrementa en xuño (1.534 afiliacións) e setembro (1.635) dende as 1.211 afiliacións rexistradas en maio. As afiliacións indefinidas tamén presentan o seu maior número en setembro (2.432), pero ese incremento non é suficiente para compensar a subida das afiliación temporais, polo que é en setembro onde máis próximas se sitúan as porcentaxes de afiliación indefinida (59,7%) e temporal (40,1%). Das 457 novas afiliacións entre marzo e setembro só 33 son indefinidas, sendo temporais as 424 restantes.

A evolución das afiliacións indefinidas no ámbito dos servizos de comida e bebida presenta unha evolución ao longo do 2015 en forma de dentes de serra con dous picos, marzo (1.662) e setembro (1.671), e dúas chairas en xuño (1.564) e decembro (1.635), mentres as temporais mostran unha tendencia ascendente dende marzo (978) a setembro (1.244), para en decembro volver aos rexistros de xuño (1.157).

En relación á formación, preto da metade dos enquisados carece de formación específica para a hostalería e entenden que é máis requirido, ao solicitar un posto de traballo no sector, ter experiencia previa.

Atopámonos cunha sobrecualificación en canto ao nivel de estudos en xeral (a formación xeral máis frecuente é a universitaria, cun 40,4%), pero tamén dunha infracualificación en canto á formación específica para o sector. A carencia de formación é 11 puntos porcentuais máis elevada na rama de restaurantes e bares (51,2%) que na de aloxamentos e hoteis (40,1%).

Mesas de traballo
Desenvolveuse unha primeira mesa de traballo na que participaron o sector sindical e empresarial da cidade e na que se analizou o contexto socio-laboral do sector da hostalería na cidade. Na segunda mesa participaron docentes de Hostalería, o CIFP Compostela ou o profesor de cociña e copropietario do Restaurante A Estación de Cambre, que ten unha estrela Michelín. A segunda das mesas tivo como obxectivo analizar a cualificación e a acreditación profesional no sector da hostalería en Santiago.

Na primeira mesa de traballo reflexionouse tamén sobre o mal uso que se está a realizar das plataformas online como Booking ou Tripadvisor, que no tocante de usarse de forma positiva se utilizan para baixar os prezos reducindo tamén os custos e precarizando o sector laboral. Na mesa falouse da necesidade de apostar por un turismo de calidade no que se cumplran certos requisitos de salarios e boa contratación. Por iso deixouse sobre a mesa a posibilidade de que a Administración local esixa á Xunta máis inspeccións de traballo que velen polo cumprimento das condicións mínimas.

Compartir: