ACCIÓN CULTURAL

Actividades, obradoiros e unha exposición fotográfica conmemorarán os 25 anos do Centro Sociocultural José Saramago de Vite

10/05/2016 O CSC José Saramago de Vite cumpre 25 anos e faino cunha ampla programación para os meses de maio, xuño e xullo. Inaugurado no 1991, foi o primeiro centro sociocultural de Santiago, un lugar de encontro para os veciños e veciñas do barrio e que conseguiu moitos logros e conquistas. Un exemplo é a Biblioteca José Saramago, un espazo singular do barrio que sirve como punto de conexión interxeracional no que participan nenos e nenas, maiores e persoas adultas.

Durante os meses de maio e xuño haberá unha exposición de fotografías de toda a xente que formou, forma e formará parte da vida do centro e que leva por nome CSC Vite, 25 anos de vida. A maiores preparouse un amplo programa de actividades, entre as que destacan teatro, tardes de baile, contacontos ou obradoiros en familia.

A programación retomarase despois das vacacións de verán. Para participar en calquera das actividades que conmemorarán estes 25 anos de historia do CSC de Vite, os interesados/as deben poñerse en contacto co persoal do centro.

Documentos relacionados



Compartir: